Adega busca colaboración para frear dous parques eólicos na comarca do Deza

Localización dos 13 aeroxeradores que conformarían os macropolígonos eólicos de Valdepereira e Pico Seco, na comarca do Deza. (Foto: Adega)

O colectivo ecoloxista activa unha campaña de recadación de fondos para presentar recursos contencioso-administrativos contra a instalación de parques eólicos.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) suma dous novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico “depredador e insustentábel” promovido pola Xunta da Galiza.

Á campaña “Ti podes paralos!” (#TPP) para frear os proxectos eólicos Rodicio II (entre as comarcas de Allariz-Maceda e Terra de Caldelas) e Monte da Croa (nas comarcas de Terra de Soneira e Fisterra ), Adega suma agora outros dous desafíos de recadación mediante plataformas de crowdfunding para poder emprender accións xurídicas no Deza. Concretamente, o colectivo ecoloxista busca paralizar os proxectos eólicos Valdepereira e Pico Seco, cuxas autorizacións aprobadas pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética foron publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) a pasada segunda feira, 29 de maio.

Fragmentación eólica ao pé da Serra do Candán

O macropolígono eólico conformado por Valdepereira e Pico Seco está promovido pola empresa Aerogeneración Galicia S.L. nos concellos de Lalín e O Irixo, nas comarcas do Deza e O Carballiño, respectivamente.

Conxuntamente, ambos os proxectos suman máis de 50 MW de potencia eólica e 13 aeroxeradores de 180 metros de altura. A envergadura deste macroproxecto eólico e a súa localización supoñen, segundo Adega, unha “especial ameaza” para espazos naturais protexidos que están situados ao seu carón. É o caso da Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Candán.

As instalacións de Valdepereira e Pico Seco, ademais, racharían “abruptamente” a conectividade ecolóxica entre varios espazos protexidos próximos, como son tres áreas prioritarias para a protección da avifauna, ou as zonas de Rede Natura Serra do Candán, Serra do Cando, Pena Veidosa, Monte Faro ou Brañas do Xestoso.

Os 13 aeroxeradores que conforman o macropolígono “impactarían seriamente na avifauna ameazada e protexida incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, especialmente na tartaraña cincenta (Circus pygargus), catalogada como vulnerábel”, afirma Adega. Causaría tamén prexuízos significativos para o lobo, pois “afecta directamente zonas de encame e puntos de encontro desta especie”. As infraestruturas, informa o colectivo, fragmentarían o hábitat do lobo.

Alén diso, a calidade paisaxística da contorna tamén se vería gravemente comprometida, afectado varias devesas maduras de alto valor ecolóxico e cultural, como a devesa da Ermida do medio ou do Campo dos Lobos, ou a devesa e coto de Surribas.

Pola súa parte, Pico Seco afectaría o patrimonio cultural, xa que “terá repercusións directas no interese do conxunto etnográfico ‘Foxo do Cabrito’ ou no vello Camiño de Arrieiros e no castro de Zacarade”.

Un mes para o primeiro reto #TTP

Adega estabeleceu un obxectivo mínimo de recadación colectiva para cada un dos desafíos de 6.500 euros, dividida en dúas fases. A primeira terá unha duración dun mes, até o 1 de xullo, e nela haberá que recadar un mínimo de 3.000 euros en cada un dos proxectos. Con esta cantidade Adega garante a presentación do recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de cubrir outros gastos de xestión.

Na segunda fase da recadación, o colectivo ecoloxista procurará acadar unha cantidade similar para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como a solicitude de paralización cautelar.