Adega chama á colaboración para deter a tramitación de tres novos parques eólicos

Panorámica do Monte do Penido, onde se pretende instalar o Parque eólico Monte Festeiros (Foto: Adega).
O obxectivo mínimo de recadación colectiva estabelecido por Adega para os desafíos #TPPVilartoxo e #TPPTroitomil é de 6.500 euros.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) suma tres novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico “depredador e insustentábel” promovido pola Xunta da Galiza.

Trátase dos parques eólicos Vilartoxo, na Baña e Val do Dubra; Troitomil, na Baña e Negreira; e Monte Festeiros, nos concellos de Forcarei e Silleda. As autorizacións aprobadas pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética foron publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) a pasada terza feira, 29 de maio.

Estes tres novos desafíos súmanse a outros xa activos no marco da campaña de Adega ‘Ti podes paralos!’ #TPP, co obxectivo de emprender accións xurídicas tamén contra os parques eólicos Rodicio II, Monte da Croa, Val de Pereira e Pico Seco.

Macropolígono

Vilartoxo e Troitomil, aseguran desde a asociación ambientalista, conforman en realidade un macropolígono eólico do que tamén fai parte o parque Barrosino, derivado dunha “fragmentación artificiosa artellada coa finalidade de sortear unha adecuada e rigorosa avaliación ambiental dos impactos en conxunto”.

Os dous proxectos propostos para recorrer, Vilartoxo e Troitomil, suman máis de 57 MW de potencia eólica e 11 aeroxeradores que alcanzan os 220 metros de altura. Están promovidos pola empresa Green Capital Power S.L. nos concellos da Baña, Val do Dubra e Negreira, pertencentes ás comarcas da Barcala e Santiago de Compostela.

A envergadura deste macroproxecto eólico e a súa localización supoñen unha “ameaza para os espazos naturais e o patrimonio cultural da zona en que está previsto instalarse”. A auga. acrecentan é un dos recursos que máis perigo corre, xa que a veciñanza e as aldeas afectadas e incluídas nas poligonais abastécense de fontes de auga procedentes de distintos mananciais do monte onde se pretenden colocar as instalacións eólicas, un risco que “non se avaliou nos estudos de impacto ambienta”l.

En concreto, na área afectada polo polígono eólico de Troitomil atópase unha turbeira que é hábitat natural de interese prioritario para a Unión Europea.

Próximo ao Sistema Fluvial Ulla Deza e á Zona de Especial Conservación (ZEC) Río Tambre, o proxecto Vilartoxo impacta tamén sobre “flora e fauna en perigo de extinción, sobre dúas especies protexidas de morcegos e tamén sobre o lobo”.

Ademais, os efectos notaranse igualmente sobre a arte rupestre presente na zona, con mámoas e petróglifos que quedarán dentro da propia poligonal eólica. Tanto Vilartoxo como Troitomil son proxectos que “poñen en xaque as explotacións agropecuarias, a escasos metros das instalacións, e tamén as casas e propiedades que ficarán dentro dos terreos do parque, o que implicará unha depreciación de valor de entorno a 40%”.

Monte Festeiros

O parque eólico Monte Festeiros, que supón o terceiro dos novos desafíos #TPP, suma un total de 10 aeroxeradores nunha área de afectación de máis de 1.500 hectáreas entre os concellos de Forcarei e Silleda.

Trátase dunha zona que constitúe un singular corredor ecolóxico entre a Serra do Candán e as Brañas de Xestoso, ambas integradas na Rede Natura 2000 e onde se atopa a mellor representación de turbeiras acedas da Galiza, na Lagoa Sacra de Olives, así como xoias vexetais e animais como a tararaña cincenta, o sisón, a droseira ou a herba de algodón. O patrimonio cultural que sostén a memoria do Coto do Mosteiro de Aciveiro tamén está agora en risco

Recadación

O obxectivo mínimo de recadación colectiva estabelecido por Adega para os desafíos #TPPVilartoxo e #TPPTroitomil é de 6.500 euros. Porén, a recadación estabelécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de até o 2 de xullo, na cal será preciso lograr un mínimo de 3.000 euros para cada un dos proxectos, o que garantirá a presentación por parte de Adega do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión.

Nunha segunda fase procurarase alcanzar outros 3.500 euros para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar. No caso do desafío #TPPMonteFesteiros, o obxectivo mínimo de recadación ascende a 7.300 euros, dividido tamén en dúas fases, ambas cun obxectivo económico de 3.650 euros.