Adega demanda un pacto social para a conservación dos bosques e medio rural galego

Poñer couto ao eucalipto, fomentar as especies autóctonas, proceder á ordenación do territorio ou a unha nova política contra os icendios son algunhas das “medidas urxentes” propostas desde a Asociación. 

No Día do Medio Ambiente , a Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega) demanda un pacto social para a conservación dos bosques e do medio rural galego. A entidade alerta da situación actual, na que o eucalipto pasou ser a árbore máis frecuente no territorio galego é o eucalipto, “que ocupa xa preto de 600.000 hectáreas”.

 

O plano forestal de 1992, indican, favoreceu tamén a forestación con especies de crecemento rápido de hábitats de monte baixo. “Constatamos tamén a acelerada perda de superficie agraria útil, substituída por repoboacións maioritariamente de eucalipto, e que os sindicatos agrarios cifran nunhas 30.000 hectáreas”. Pola contra, Galiza non dispón dun inventario de masas de frondosas autóctonas, “ferramenta fundamental para poder planificar non só medidas de conservación, senón tamén para deseñar estratexias de xestión que maximicen os beneficios do bosque autóctono”.

 

Por isto, Adega entende que  “resulta imprescindíbel un pacto social para podermos reverter esta situación e evitarmos que en poucos anos, Galiza vire nunha inmensa plantación de eucaliptos dende Ortegal ao Miño e dende Fisterra ao Courel”.

 

Medidas urxentes do pacto social

 

Entre as “medidas urxentes” propostas por esta asociación está a de conxelar a extensión de Eucaliptus globulus e prohibir a plantación de Eucaliptus Nitens. Tamén poñen sobre a mesa a necesidade de  fomentar as repoboacións forestais con especies propias do país e aumentar a prevención na loita contra o lume.

Potenciar a industria do moble e dos produtos do bosque autóctono e o ordenamento do territorio e especialmente do monte arborado, son outras propostas, así como incrementar o Patrimonio Forestal Galego.