Adega Ferrol pide aos concellos da comarca que se fagan "espazos libres de glifosato"
Desde a delegación da asociación ecoloxista Adega de Ferro solicitan aos diferentes concellos da comarca, a raíz dun novo informe no que se recolle a contaminación da maior parte dos ríos galegos con glifosato, que deixen de usar este químico para o control de malezas e outras herbas nos espazos públicos.
Así mesmo, piden que se fagan reunións e obradoiros coas labregas e co público en xeral para divulgar a peligrosidade deste produto e as posíbeis alternativas desde a agroecoloxía.
Perigos coñecidos e por estudar
"O glifosato é un produto altamente tóxico, que favorece activamente a produción de cancros, actúa como disruptor endócrino e crese que afecta tamén a reprodución, quer no seu uso quer na contaminación de terras, augas e alimentos", afirman nun comunicado aos medios.
Para alén do máis, este composto é unha fonte de destrución da biodiversidade, "xa que está demostrado que afecta até os polinizadores", explican. Igualmente, en seres humanos terían aparecido restos no leite materno, coas traballadoras e labregas que o usan como principais afectadas. Os seus restos, segundo denuncia Adega, poden afectar a fetos, neonatos e mulleres grávidas.
O que aínda se descoñece é como os glifosatos actúan con outros químicos presentes nos alimentos, na terro, na auga ou mesmo no ar, sinalan.