Adega leva ante a xustiza outros catro "macroproxectos" eólicos autorizados pola Xunta

En vermello os parques que forman parte da campaña 'Ti podes paralos!' (Foto: Adega).
Até o momento, a campaña ‘Ti podes paralos!’ de Adega conseguiu completar os fondos necesarios para poder recorrer tres parques eólicos aprobados pola Xunta da Galiza.

En apenas tres meses, a campaña de crowdfunding ‘Ti podes paralos!’ da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), conseguiu reunir os fondos necesarios para poder recorrer en vía contencioso-administrativa os macroproxectos eólicos Vilartoxo, Troitomil, Monte da Croa, Rodicio II e Campo das Rosas.

Á impugnación da autorización previa e de construción deste último, que xa foi presentada no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) o pasado mes de xullo, sumaranse agora outros catro recursos impugnatorios ademais das correspondentes solicitudes de paralización cautelar das obras, co gallo de que o alto tribunal galego evite danos irreversíbeis sobre o territorio.

Para tal fin, Adega xa está traballando nos recursos e nos informes técnicos ambientais necesarios fronte ás deficiencias da avaliación ambiental dos proxectos, segundo aseguran.

Até o momento, a campaña ‘Ti podes paralos!’ conseguiu completar os fondos necesarios para poder recorrer tres parques eólicos aprobados pola Xunta da Galiza.

Os parques

Os parques eólicos Vilartoxo e Troitomil, promovidos por Green Capital Power SL sitúanse na Baña, Negreira e Val do Dubra; e o polígono eólico de Monte da Croa impulsado por Villar Mir Energía SLU na Costa da Morte, en Vimianzo e Dumbría.

Os dous primeiros pretenden instalar 12 aeroxeradores de máis de 200 metros de altura a pouca distancia de aldeas e gandarías, “pondo en risco o benestar e saúde das persoas e animais, e exercendo un grave impacto sobre brañas, pequenos humidais e augas de abastecemento”. Tamén, de acordo con Adega, poderían provocar alteracións nos sistemas fluviais do Ulla-Deza e do Río Tambre que discorren por áreas ambientalmente protexidas e mesmo sobre turbeiras, como no caso de Troitomil.

O parque eólico Vilartoxo tamén afectaría de forma significativa a área da contorna de Compostela na cal se conservan xacementos de arte rupestre. Adega procurará demostrar nos tribunais que ambos os proxectos son produto dunha fragmentación artificiosa dun mesmo complexo macroeólico, o que suporía unha fraude de lei.

No caso do parque eólico Monte da Croa, a organización ecoloxista pretende frear a instalación de sete muíños que se queren colocar nos arredores da capital da Terra de Soneira e que deixaría a vila de Vimianzo sen ningún punto do seu horizonte libre de eólicos ou liñas de alta tensión, constituíndo “unha barreira infranqueábel para as aves e eliminando calquera valor paisaxístico na parroquia de Berdoia”s. Ademais, “porían en risco unha manda estábel de lobos, documentada na zona desde hai máis dun lustro”.

Aedga tamén impugnará as autorizacións do parque eólico Rodicio II, promovido por Greenalia Wind Power SLU na contorna do Bidueiral de Montederramo e en pleno Macizo Central. A xuízo de Adega este proxecto forma parte dunha fragmentación doutro parque promovido pola mesma empresa en Chandrexa de Queixa, o Xesteirón. O Rodicio é unha penichaira de elevado interese ambiental na que habitualmente sobrevoan especies “en perigo de extinción” como a aguia real e o millafre real, ambas con zonas de cría e durmidoiros moi próximos.

Campo das Rosas é o quinto proxecto eólico que Aedga puido recorrer no TSXG “grazas á solidariedade cidadá” a través de ‘Ti podes paralos!’ e o apoio das plataformas locais, como Alerta Terra de Montes, a asociación Rapa das Bestas ou as comunidades de montes afectadas.

Este proxecto que Naturgy quere instalar en Montouto, nos concellos de Cerdedo, A Estrada e Campo Lameiro, localizaríase no traxecto de baixada das bestas de Sabucedo e afectaría turbeiras protexidas e a unha das poboacións máis importantes da Península Ibérica do fento Lycopodiella inundata.

Con estes, xa suman oito os proxectos eólicos autorizados pola Xunta nesta vaga eólica que Adega impugna nos tribunais de xustiza, co resultado até o momento de dous parques eólicos anulados en vía contencioso-administrativa, Bustelo e Campelo, e outro paralizado cautelarmente na sala terceira do TSXG á agarda de sentenza: o parque eólico Monte Toural de Greenalia.

"Un fito da recadación"

Foi a mediados do pasado mes de maio cando a organización ecoloxista Adega puña a andar a campaña de micromecenado ‘Ti podes paralos!’ para recadar fondos co obxectivo de emprender accións legais contra boa parte dos 75 proxectos eólicos depredadores aprobados pola Xunta de Galiza no mes de abril. Tres meses despois, a iniciativa xa acada os 140.000 euros de fondo e 26 campañas de recadación, unha por cada proxecto eólico que se pretende recorrer.

Destas, cinco xa lograron o obxectivo final de recadación, e 21 xa conseguiron superar a primeira fase. Estes datos converten a campaña ‘Ti podes paralos!’ na iniciativa de micromecenado colectivo con fins ambientais “máis exitosa da historia do activismo galego e constitúen un referente de apoderamento da acción colectiva social fronte aos abusos do gran capital”.

Desde a organización ecoloxista Adega queren manifestar un “sincero e efusivo agradecemento aos máis de 1.550 doantes individuais e colectivos, plataformas de persoas afectadas, organizacións e activistas que, co seu apoio solidario e compromiso coa causa, están conseguindo que o ecoloxismo galego poida botarlle un pulso ao actual espolio eólico do país nos tribunais de xustiza, e coa única pretensión de defender o rural e o medio ambiente galego desta inxusta e abafante invasión eólica”.