Adega presenta a segunda edición de Galiza Máxica

Adega desenvolverá máis un ano o programa de roteiros dedicado a "descubrir lugares máxicos" que terá lugar entre os días 11 de novembro e 23 de xuño por distintos puntos do país.

A Asociación de ecoloxistas da Galiza (Adega) en Lugo vén de presentar o seu programa de roteiros para o curso 2012-2013. A través destes, a organización ecoloxista procura amosar ás persoas participantes "diferentes elementos naturais e paisaxísticos que forman parte, non só do espazo físico, senón do imaxinario popular", para o que escolleron distintos puntos da xeografía galega que están marcados por unha lenda ou tradición oral.

Neste sentido, o programa 'A Galiza encantada' --que vai xa pola súa segunda edición-- pretende recuperar "o legado das crenzas e costumes dos nosos devanceiros" ao tempo que empregalo como un instrumento didáctico co que aprender "a convivir coa natureza e a respectar o territorio no que vivimos", aseguran desde Adega. Así pois, os roteiros procurarán durante os vindeiros oito meses "a Porta do Alén en Guitiriz, da trabe d’ouro no Incio, dos encantamentos do Sil en Doade, do Santo Grial no Cebreiro, dos tesouros de Feranzos na Mariña e dos misterios de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz e do Pico Sacro en Compostela".

Podes consultar as datas e hora de saída no propio programa.