CON MOTIVO DO CUMIO DE PARíS

Adega proponlle ao Parlamento medidas contra o cambio climático

A asociación ecoloxista proponlles aos grupos parlamentares iniciativas para a descarbonización da economía e para a protección social e ambiental. Trata, así, de “superar a inacción actual dos distintos gobernos”.

Con motivo do cumio do clima de París (COP21), Adega apresentoulles aos grupos parlamentares unha serie de propostas contra o cambio climático. Trátase dunha batería de medidas acordadas entre diversas organizacións sociais do Estado español que tratan de rachar “coa inacción actual dos distintos gobernos” en materia ambiental.

Entre as propostas a aprobar polo Parlamento galego atópase o control das emisións. Adega propón eliminar o actual exceso de oferta de dereitos de emisión do sistema e a necesidade de promover actividades non contaminantes. Aposta en non transformar o territorio e que o solo libre (non urbanizado) tenda a un balanzo cero de decrecemento e tamén avoga pola Xestión Integrada da Zona Costeira para non sacrificar máis litoral “a mans de intervencións duras”.

Adega contempla a incorporación de programas de redución de carbono nos orzamentos públicos

En relación ás emisións, Adega tamén sinala no documento enviado aos grupos políticos que os obxectivos de redución de emisións, implantación de estratexias renovábeis, e mellora da eficiencia enerxética “deben ser máis ambiciosos”. Propón, ao respecto un 40%, un 30% e outro 30% respectivamente para 2020 (tomando como data de referencia o 1990). Tamén pide incorporar nos orzamentos galegos programas de redución de carbono.

No que respecta ao abandono de combustíbeis fósiles, a asociación ecoloxista reivindica a prohibición da produción de gas e petróleo mediante o “fracking” ou prospección e explotación de hidrocarburos en terra e mar e camiñar cara un futuro sen enerxía nuclear e 100% renovábel. Para o lograr, propón deixar de subvencionar os combustíbeis fósiles e nucleares e estabelecer un sistema de tributación que penalice o seu uso. Así, considera necesario prever xuros sobre as emisións de CO2 xenéricas, de NO2 e outros gases cun destino finalista e promover os coches eléctricos non contaminantes e o transporte público.

A asociación ecoloxista aposta en prever xuros sobre as emisións de CO2 xenéricas, de NO2 e outros gases

Pola outra banda, Adega salienta o compromiso firme coas enerxías renovábeis non agresivas, para o que reclama unha política de incentivos e un modelo enerxético descentralizado, mesmo coa auto-produción das persoas. Tamén propón o estudo da recuperación do operador público de enerxía. Para evitar a “ocupación desordenada e agresiva do contorno natural” por parte das fontes renovábeis, estabelece unha serie de criterios para aprobar polo Parlamento.

Ademais, a asociación ecoloxista aposta en contemplar unha “correcta xestión” do carbono contido nos residuos para impedir a súa liberación á atmosfera. Neste sentido, Adega apunta á compostaxe de materia orgánica, mesmo a pequena escala –nivel doméstico ou comunitario-.