Adega acusa a Feijóo de impulsar un retroceso sen precedentes nas políticas ambientais

A asociación realiza un balanzo moi crítico e negativo deste mandato de Núñez Feijóo, a cuxo goberno responsabiliza de protagonizar graves agresións e retrocesos contra o ambiente

 

En territorio e urbanismo, litoral ou costa, pasando por enerxía ou a Rede Natura. Non hai asignatura ambiental na que o goberno de Núñez Feijóo na Xunta de Galiza non teña suposto un retroceso en políticas ambientais, segundo o xuizo de Adega. A Asociación Ecol'oxica para a Defensa da Galiza vén de facer público o seu balanzo  desta lexislatura, á que califica de "nefasta" e de "retorno ao franquismo ambiental".

"Desartellamento territorial, deconstrución da lexislación ambiental e amnistía para o "ladrillazo", especulación cos recursos naturais, cos montes, co litoral, cos espazos protexidos, cos residuos, exterminio planificado da nosa biodiversidade, corrupción e barra libre de chumbo para a fauna,..." son algúns dos motivos que desde Adega se expoñen como exemplo do que non se tería que ter feito e, non obstante, protagonizou o goberno de Núñez Feijóo.

 "Visto o nefasto balanzo ambiental da súa lexislatura, vémonos na obriga de comunicarlle a Feijóo o seu despedimento por causas máis que xustificadas". 

Suspenso

En base a este xuizo, desde a entidade considérase que "visto o nefasto balanzo ambiental da súa lexislatura, vémonos na obriga de sinalar que Feijóo non cumpríu cos obxectivos do seu contrato coa cidadanía e, portanto, este día 21 procederemos a comunicarlle o seu despedimento por causas máis que xustificadas". 

No que atinxe á análise por materias, Adega sinala que non hai eido no que este goberno do PP non teña protagonizado algún retroceso ou agresión á riqueza ecolóxica da Galiza. Así, en territorio e urbanismo apunta a que a máxima do executivo respostou a "malversando a toda costa", ao promover unha política do tixolo que agredeu ao litoral galego até límites inimaxinábeis.

E a mesma tónica mantívose, indican desde esta asociación, no que atinxe a montes, residuos ou enerxía, entre outros campos: "Volta atrás". Unha decisión, apuntan, con efectos directos sobre a natureza galega, para alén do benestar da cidadanía ou o futuro do país.