Os vogais ecoloxistas no Consello de Medio Ambiente levan á Valedora do Pobo a "actitude obstrucionista" sobre o debate eólico

Sede da Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Adega, FEG e SGHN denuncian o "continuo desprezo" da presidenta deste órgano, a conselleira Ángeles Vázquez, por "negarse reiteradamente" a debater sobre as "repercusións no medio ambiente do actual 'boom' eólico".

A Valedora do Pobo pronunciarase a respecto do "persistente veto" da presidenta do Consello Galego de Medio Ambiente, a conselleira Ángeles Vázquez, a incluír na orde do día das súas sesións unha proposta da representación ecoloxista no organismo para "debater e valorar as repercusións do actual boom eólico" sobre o medio natural. Os vogais da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Fins Eirexas; Federación Ecoloxista Galega (FEG), Xosé Luís Baleato, e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González, veñen de acudir en amparo á Valedora co obxectivo de que se lles permita, aseguran nun comunicado, "exercer libremente" as súas funcións como membros desta entidade.

Denuncian que Vázquez leva un ano impedindo este debate, "primeiro mediante subterfuxios", ausentándose e fechando a sesión "en falso", e despois con "silencios e falsidades". "Por dúas veces as nosas organizacións reclamamos a inclusión do debate sobre o asunto eólico, e por dúas veces a presidenta evitouno", lamentan.

Como resposta a esta "recorrente actitude" que cualifican de "obstrucionista e antidemocrática", os vogais ecoloxistas optaron por ausentarse das dúas últimas xuntanzas do Consello, o 31 de maio de 2022 e o pasado 14 de febreiro, achegando un escrito explicativo da súa decisión para incluír nas actas. "Unha petición que tamén foi ignorada", censuran.

Na reunión deste mes, a representación no organismo da CIG, a Universidade da Coruña e Sindicato Labrego Galego salientou esta notábel falta e a conselleira "comprometeuse a contactar coas vogalías ecoloxistas ausentes para solventar a situación". Porén, afirman, a día de hoxe, e diante dunha nova convocatoria do Consello para esta terza feira, día 28, seguen "sen ter noticias da Presidencia como prometera" e na orde do día "tampouco figura" a súa proposta de debate eólico.

"Na acta anterior tampouco se incluíu, malia telo solicitado previamente, o escrito xustificando os motivos da ausencia dos vogais ecoloxistas. Por todo iso, os representantes ecoloxistas ausentarémonos novamente da vindeira sesión", explican.

Ese "continuo desprezo" da Presidencia do Consello Galego de Medio Ambiente cara aos dereitos dos vogais electos, inciden os ecoloxistas, "supón un grave exercicio de autoritarismo e arbitrariedade que lesiona gravemente os nosos dereitos de expresión e de participación pública".

É por iso que demandan o amparo da Valedora do Pobo "para que se restitúan" os seus dereitos como membros electos deste organismo colexiado, ao tempo que piden que inste Ángeles Vázquez a "desistir na súa postura obstrucionista e abandonar as prácticas antidemocráticas dirixidas a evitar o debate". Un debate, subliñan, que reviste "fondas repercusións ambientais" sobre as que o Consello "ten responsabilidade directa".