Medio Ambiente

Adega chama á colaboración cidadá para recorrer no TSXG os eólicos Neboada, Mesada e Xesteirón

Parque eólico na serra do Candán, nas comarcas do Deza e Terra de Montes. (Foto: Arxina)
As ecoloxistas inclúen estes tres proxectos, xa autorizados pola Xunta, na campaña de recadación 'Ti podes paralos', que ten por obxectivo reunir os fondos suficientes para recorrer estes proxectos diante do TSXG.

A asociación ecoloxista Adega volveu solicitar esta cuarta feira o apoio da cidadanía no marco da súa campaña 'Ti podes paralos', que ten por obxectivo recadar fondos para recorrer diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza boa parte dos 75 parques eólicos autorizados recentemente polo Goberno galego. Desta volta engadiu tres novos "desafíos": os proxectos denominados Neboada, Mesada e Xesteirón.

O primeiro deles é un dos tres que, tal e como xa informaba Nós Diario en 2021, cando iniciaron a tramitación,  conformaría un único 'macroproxecto' nos concellos de Larouco, Quiroga, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras, no corazón da Ribeira Sacra.

Aos aeroxeradores de Neboada, pois, habería que sumar os dos parques denominados Orballeira e Xeada, pendentes aínda de obter o permiso de construción mais ambos os dous xa con declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel. Neboada, advirte Adega, proxéctase "no corredor ecolóxico de tres espazos naturais protexidos —Ancares-Courel, Macizo Central e Enciña da Lastra—.

O parque Mesada, salientan as ecoloxistas, constituiría en Vila de Cruces outro 'macroeólico' canda os parques Rodeira e Cunca. "Proxéctase a escasos metros da Rede Natura e terá unha afectación visual e paisaxística severa sobre tres espazos protexidos da contorna", lamentan.

Finalmente, Xesteirón, nas proximidades da Rede Natura, afectaría o Macizo Central, "fogar de especies como a aguia real, o lobo, o voitre branco ou o millafre real", e impactaría "de forma significativa" hábitats de interese comunitario, zonas para a preservación da avifauna e humidais de alto valor ambiental.

Anulación dunha licenza concedida a Greenalia

A través desta mesma campaña de recadación Adega conseguiu os fondos necesarios para presentar un recurso diante do TSXG contra os parques eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural, impulsados pola coruñesa Greenalia entre os concellos de Carballo, Coristanco e Santa Comba. O primeiro xa foi anulado xudicialmente, mentres os outros dous fican paralizados de forma cautelar á espera de resolución.