Adegas Terra de Asorei e a USC organizan o XI Foro do Albariño para achegarse ao mundo do viño galego

Vista desde o exterior das instalacións de Terra de Asorei (Foto: Terra de Asorei).
O curso está dirixido, indican, ao alumnado, profesorado universitario e de formación profesional, institutos e profesionais do sector do viño mais tamén ao público en xeral que teña curiosidade por achegarse ao mundo do albariño actual e ás tendencias e novidades que hai dentro do sector desde unha mirada transversal e multidimensional.

A directora do Curso de Verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Cadaval; a secretaria Elisa Mª Rubí Cano, o Presidente-Conselleiro delegado de Adegas Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán–Roque, e o presidente da Asociación Adegas do Salnés, Germán Martínez; presentaron esta quinta feira unha nova edición do Curso de Verán da USC ‘O mundo dos viños galegos (3º edic). XI Foro do Albariño - Mostra de Elaboracións Especiais da DO Rías Baixas’ que decorrerá os días 6 e 7 de xullo do 2023 nas instalacións de Adegas Terra de Asorei, en Meis (comarca do Salnés).

O curso está dirixido, indican, ao alumnado, profesorado universitario e de formación profesional, institutos e profesionais do sector do viño mais tamén ao público en xeral que teña curiosidade por achegarse ao mundo do albariño actual e ás tendencias e novidades que hai dentro do sector desde unha mirada transversal e multidimensional.

Os dous días terminaran a xornada cunha cata de elaboracións especiais de varias adegas do Val do Salnés. Ademais, a sexta feira farase un xantar-romaría para ter unha maior convivencia entre os participantes do curso e poñentes e o acto de clausura rematará cunha actuación musical.

María Cadaval, directora do curso, destaca a transversalidade e o enfoque cara ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) do sector vitivinícola e a súa implicación na loita contra o cambio climático no seu camiño cara a un modelo de economía sustentábel e circular.

“A circularidade é un dos elos que conforman a cadea de valor do viño e un factor fundamental para o seu desenvolvemento futuro. Resulta imprescindíbel achegarse e coñecer o modo no cal o sector vitivinícola está a incorporar os principios da economía circular, o que será chave para situarse con vantaxes de cara ao futuro mais inmediato”, salienta Cadaval.

Cultura do viño

Cadaval engade que cómpre facer os esforzos necesarios para “crear unha cultura do viño que axude a facer fronte aos retos do cambio climático”, ao tempo que a sociedade “aprenda a recoñecer a importancia do viño na economía, pero tamén no medio ambiente e na cultura”.

Pola súa parte, Elisa Rubí Cano, secretaria do curso indicou que “este ano imos coa XI edición do Foro, o cal comezou no 2008 e desde 2019, faise en paralelo co curso de verán da USC, coa colaboración de Adegas Terra de Asorei e a Asociación Adegas do Salnés.

“Creemos que xa está consolidado como referente para o sector do albariño no Val do Salnés nas Rías Baixas, sendo a Adega o lugar de encontro, para reflexionar sobre o mundo dos viños galegos”, manifesta Rubí.

Xosé Ramón Durán-Roque afirma polo seu lado que segundo os ODS da Axenda 2030, é importante implicar o sector vitivinícola na loita contra o cambio climático e dar a coñecer os avances e transformacións que o sector está incorporando no eido da economía circular. Por iso, “un dos eixos deste curso é a economía circular”.

O Presidente-Conselleiro delegado de Adegas Terra de Asorei afirmou que este curso supón unha “nova oportunidade de seguir afondando na creación dunha cultura do viño propia, capaz de axudar ao sector a facer fronte aos retos do cambio climático e á sociedade a recoñecer a importancia do viño, na súa concepción mais ampla, económica mais tamén cultural.

Pola súa parte, Germán Martínez, Presidente da Asociación Adegas do Salnés, afirmou que este curso de verán da Universidade de Compostela é “unha forma de dar valor ó traballo das persoas que traballan nas viñas, na elaboración, nas adegas e na comercialización do albariño”.