Xustiza

Vexacións, coaccións e malos tratos: adiado por terceira vez na Coruña un xuízo por violencia machista

Sede da Audiencia Provincial da Coruña.
Segundo as acusacións da Fiscalía, que pide unha pena de prisión de 12 anos e medio, o home exercía contra a vítima violencia psicolóxica, física e sexual, e controlaba todos os aspectos da súa vida, inducíndoa a un "illamento social" e impedíndolle dispor de tarxeta de crédito ou conta bancaria propia.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña suspendeu de novo un xuízo fixado para esta segunda feira contra un home acusado de maltratar de maneira continuada a súa parella, á que insultaba, pegaba, vexaba e coaccionaba diante dos seus fillos menores e á que tentou agredir sexualmente, segundo recolle o escrito da Fiscalía. Debido á incomparecencia de dous dos peritos, que acreditaron a imposibilidade de comparecer, a vista oral foi fixada para o vindeiro 9 de outubro, ás 9.45 horas.

O xuízo xa fora aprazado noutras ocasións, en concreto por enfermidade do acusado e pola folga de Letrados da Administración de Xustiza. O Ministerio Fiscal pide para o procesado 12 anos e cinco meses de prisión, así como unha orde de afastamento da muller de, cando menos, 200 metros durante 26 anos. Tamén demanda que se lle prohiba comunicarse con ela e que a indemnice con 7.000 euros.

"Frecuentes insultos e menosprezos"

Segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Público, ambos os dous mantiñan unha relación sentimental desde 1993 e convivían desde 2005, unha unión da que naceron dous fillos, que no momento da denuncia tiñan 10 e 8 anos. O fiscal sinala que a relación "tornou difícil desde o principio", con "frecuentes insultos e menosprezos" por parte do home cara á súa muller, á que infrinxía "un trato degradante e vexatorio".

Desde o comezo da relación, engade o escrito, o acusado "exercía control sobre as súas relacións persoais e familiares", provocando nela "un illamento social", así como sobre a economía, dado que a muller non dispuña de conta propia nin de tarxeta de crédito e debía pedirlle a el o diñeiro. O acusado tamén exercía control sobre o seu teléfono móbil e as súas mensaxes, chegando mesmo "a revisalo a diario".

De forma paralela, "era habitual que o acusado exercese sobre a parella terror e medo", con frases como "marcha desta casa, que é miña", e chegou a tirar a súa roupa e a botala do domicilio, "tendo que permanecer ela no exterior porque non tiña onde ir". As actitudes, explica o Ministerio Público, "agudizáronse en 2018, cando se puxo fin á relación". A partir desta data, o escrito de acusación narra dous episodios violentos ocorridos no mes de novembro.

En concreto, o 3 de novembro, cando os catro membros da familia se dirixían ao domicilio en coche, iniciouse unha discusión entre a parella na que o acusado chegou a dicirlle á muller "que parase o coche e baixase" e a ameazala con non deixala entrar na casa. "Acto seguido, o acusado colleulle o volante e virouno bruscamente, provocando que o coche saíse da vía e obrigando a muller a frear bruscamente o vehículo" no que tamén viaxaban os seus fillos pequenos.

Posteriormente, o día 6, mentres ela tamén se atopaba coidando dos menores, o home envioulle unha mensaxe de texto na que a instaba a ir ao cuarto de baño da vivenda e manter relacións sexuais. Ante a ausencia de contestación por parte dela, o home saíu "espido e enfurecido" do baño e arrastrouna até alí, fechando a porta e empurrándoa de xeonllos para obrigala a practicarlle unha felación. Finalmente, desistiu da acción "polos prantos dos menores e os berros" da muller, á vez que a arroxou con forza, causándolle lesións. A vítima interpuxo unha denuncia ao día seguinte.

O fiscal considera os feitos constitutivos dun delito de malos tratos habituais, un delito de coaccións graves, un delito de lesións no ámbito familiar e un delito de tentativa de agresión sexual.