A familia Franco volve incumprir a lei

“Esta administración [Pazo de Meirás] permanecerá cerrada no mes de agosto”

Pazo de Meirás

A Fundación Francisco Franco incumpre o horario de visitas ao Pazo de Meirás que obriga a lexislación ao se tratar dun Ben de Interese Cultural. “Esta administración permanecerá pechada no mes de agosto”, afirma o contestador automático que salta ao marcar o teléfono indicado para concertar visitas. A Xunta confirma a apertura de dilixencias informativas á familia Franco por incumprir o mínimo de visitas.

Ao marcar o número de teléfono indicado no portal web institucional de Turismo para concertar visitas ao Pazo de Meirás non hai resposta de ningún tipo. Pola contra, o contestador automático informa que “esta administración permanecerá fechada durante o mes de agosto”. De feito, a propia web turismo.gal indica que este Ben de Interese Cultural só se pode visitar os días 1, 2, 30 e 31 en horario de 11.00 a 12.30 e de 15.00 a 16.30. A Fundación Francisco Franco, que xestiona as visitas deste pazo propiedade da familia do ditador, incumpre máis unha vez o mínimo de horario de visitas que marca a lexislación. 

Os catro días que teoricamente abre en agosto o pazo tamén incumpren o horario sinalado pola lexislación

O Concello de Sada apresentou unha denuncia en que se transmitiron as queixas da veciñanza e doutras persoas de fóra do concello que non puideron coñecer o pazo dado que o teléfono que figura para as visitas non funcionaba.

Ademais, segundo o recollido no portal de Turismo, eses catro días que teoricamente abre en agosto o pazo tamén incumpren o horario sinalado pola lexislación. Así, mentres que Diario Oficial de Galicia marca que os BIC deben abrir “polo menos, catro horas ao día” a Fundación Franco só abre tres horas neses catro días de agosto.

A raíz da denuncia de Sada, a Consellaría de Cultura e Turismo vén de confirmar a apertura de dilixencias informativas á familia Franco en relación ás visitas obrigadas ao pazo como Ben de Interese Cultural.

A raíz da denuncia de Sada, a Consellaría de Cultura e Turismo vén de confirmar a apertura de dilixencias informativas á familia Franco

Para visitar o inmoble e os seus xardíns, cando teñen a ben a familia Franco abrilos, hai que solicitar previamente a entrada mediante correo electrónico e prohíbese tomar fotografías e vídeos. O teléfono móbil que aparece no portal de Turismo permanece en reiteradas ocasións non operativo máis alá do mes de agosto.

A Consellaría de Cultura xa impuxo no ano 2017 á familia Franco unha multa por incumprir o réxime de visitas da Lei de Patrimonio Cultural da Galiza. Para visitar o inmoble e os seus xardíns hai que solicitar previamente a entrada mediante correo electrónico. Tamén é público un teléfono móbil que, en reiteradas chamadas de Sermos Galiza, non estivo operativo.

O BNG esixe unha sanción "exemplar" contra a familia Franco

O deputado do Bloque Nacionalista Galego Luís Bará reclamou unha sanción exemplar contra a familia Franco por estar a utilizar o pazo como un centro de apoloxía e enxalzamento do ditador. Nese sentido, e en referencia ao expediente aberto pola Xunta e a multa de 4.500 euros imposta, Bará lamentou que non se chegase a resolver, motivo polo que o deputado nacionalista esixiu de novo que, desta vez, a apertura das dilixencias non sexa “un mero anuncio e outra tomadura de pelo a todos os galegos e galegas”.