O afundimento dun barco de pesca no porto de Pontedeume provoca unha vertedura

Porto de Pontedeume. (Foto: Concello de Pontedeume)

A zona está coutada para controlar a vertedura e está activado o nivel mínimo do plan anticontaminación

O afundimento dun barco de pesca no porto de Pontedeume (comarca do Eume), onde estaba amarrada a embarcación sen tripulación a bordo, provocou unha vertedura no río Eume, porcedente do propio depósito do barco. 

Segundo informaron fontes coñecedoras do suceso, o barco afundiuse durante a noite e, ao parecer, perdeu o combustíbel do depósito, que chegou ao río Eume coa subida da marea, deixando un forte olor en toda a vila.  

A mancha, duns 50 metros, localízase entre a ponte do ferrocarril e a N-541. Segundo algunhas fontes, só se verteron ao río os poucos litros que estaban dentro do motor, xa que o depósito é estanco. Até o de agora, tampouco se detectou mortandade de peixes.

A zona está coutada para facer fronte á vertedura e activouse o nivel mínimo do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Galiza (Plan Camgal). Até o punto da vertedura trasladouse a auxiliar do remolcador de altura de Gardacostas da Galiza Ría de Vigo, alertado polo 112, onde -segundo a Xunta da Galiza- "constatou o pequeno alcance da mancha de combustíbel e procedeu a despregar barreiras absorbentes ao redor do punto onde se atopaba o barco afundido" co obxectivo confinar o "escaso" material contaminante.

Tamén, foron informados Salvamento Marítimo, Gardacostas da Galiza, o GES de Mugardos, a Policía Local e Protección Civil de Pontedeume, entre outros.

Ao longo da tarde se desprazaron ao lugar persoal da Armada para comezar os traballos de reflote da embarcación e investigar as causas do afundimento.