Agolada reúne máis de 70 produtoras contra a macrocelulosa de Altri

Xuntanza de organización da xornada Ferrados de Vida. (Foto: Ulloa Viva)

A Plataforma Ulloa Viva programou música, gastronomía, mesas divulgativas e mostras de produtos

O colectivo Agolada Viva da Plataforma Ulloa Viva organiza este sábado, 31 de agosto, nos Pendellos de Agolada (Deza) a primeira edición da xornada “Ferrados de Vida”. Máis de 70 produtoras chegadas de toda a Galiza e expertas en diversos eidos compartirán cos asistentes a experiencia, sabedoría e o seu bo facer dentro do sector primario e transformador, pondo en valor a importancia e o potencial que o sector produtor galego ten, fronte a proxectos como o da macrocelulosa de Altri, que de pórse en marcha “acabaría con toda a produción de alimentos de calidade, tanto da Terra do Medio coma da ría de Arousa”.

A xornada comezará ás 11 horas na Praza da Randulfa, coa apertura oficial por parte do colectivo Agolada Viva, que contará coa presenza do narrador oral, poeta, horticultor e ornitófilo lalinense Celso Fernández Sanmartín.

Será unha xornada multidisciplinar, interactiva, interxeneracional, didáctica e lúdica na que compartirán espazo as mesas redondas de expertas arredor de nutrición, medio ambiente e sistemas produtivos, gastronomía e historia da alimentación na Galiza; a música e a danza, os espazos de exposición e venda de productos, as degustacións e a alta cociña galega en base ás materias primas do país, obradoiros e actividades infantís, e a experiencia dos “mestres de vida” que achegarán a sabedoría tradicional e o bo facer que converteron os sectores primarios galegos nunha “marca e garantía de calidade e sostibilidade”.

Ademáis a música terá tamén un papel destacado en “Ferrados de Vida”. Na apertura da xornada deleitará as asistentes Eva Quiroga co seu espectáculo de danza contemporánea Nosa Terra. A media mañá a música correrá a cargo do trío de acordeóns da Escola Bieito Blanco de Ourense. A media tarde será a quenda de Bico da Balouta e o feche contará coa actuación das músicas da Terra do Medio. No Pendello Museo haberá un espazo divulgativo coa Exposición Fotografía Sector Primario e Librería Nigraponte, e proxectarase o documental Altri: a Sede Insostíbel elaborado por O Salto e a Cooperativa A Xarda.

Mesas divulgativas

Esta xornada sobre o rural sostíbel analizará con expertas en tres mesas redondas ao longo do día cuestións coma a dieta atlántica, a historia da alimentación na Galiza, o sistema agrario tradicional coma base da nosa alimentación ou a importancia das brásicas na gastronomía do país. Nutricionistas e médicas tamén porán en valor a importancia da alimentación en contacto coa natureza e a “indispensábel relación da dieta coa saúde e o medio ambiente”. Tamén haberá representación das produtoras de cosmética natural que están a comercializar e elaborar produtos neste eido de modo sostíbel.

Na primeira das mesas divulgativas participará o doutor en Bioloxía e presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Antón Masa; o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xavier Simón; o catedrático de Historia e escritor Xavier Castro; a bióloga e membro do CSIC Pilar Soengas; e Estefanía Zardoya, médica especialista en Medicina familiar e comunitaria.

Noutra das mesas, moderada por Roxelio Santos Queiruga, mariñeiro, patrón de pesca e divulgador do mar, tomarán parte produtoras como Muuhlloa-Milhulloa, Traloagro, Labrecos, Casa da Fonte, Os Casares e Projecto Dispersor. O enxeñeiro agrónomo Xoán Castro será o moderador doutra mesa divulgativa coa participación de Casa Bértolo, Daveiga, Arqueixal, Chorima, Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) e Mulleres Salgadas.

Gastronomía e degustacións

“Ferrados de Vida” terá un importante espazo para a posta en valor dos produtos galegos a través de representantes da cociña do país, que elaborarán pratos coas materias primas dos produtores presentes na feira para que o público valore a súa calidade.

O chef Álex Iglesias, da tapería Dúas Liñas de Arzúa (comarca homónima); Gerson Iglesias, chef do Restaurante Erva e presidente da asociación Cociña Ourense; Pedro Lalo tamén chef de Cociña Ourense; e Alberto Rodríguez, presidente da Asociación Reposteira Tradicional de Melide e propietario da Pastelería Estilo, farán as delicias do público asistente coas súas elaboracións. Neste apartado de “Ferrados de Vida” desenvolverase un espazo interactivo entre os chefs, nutricionistas e produtores, coa participación da dietista-nutricionista Ana López Hernández. A presentación deste espazo correrá a cargo da actriz agoladesa Mónica García.

A oferta gastronómica da xornada contará ademáis coa presenza da Pulpería Pepita, as hamburguesas de Traloagro, as quiche de Ecobatán, e tapas e menús preparados para a ocasión polos estabelecementos hosteleiros de Agolada.

Tamén os nenos e nenas terán o seu propio espazo en “Ferrados de Vida”, cun obradoiro práctico no que participarán nutricionistas expertos no deseño de menús infantís en escolas de todo o país. Durante a actividade, “Nutricoles” ensinarán aos participantes a facer “ensaladas tolas”, dun xeito divulgativo e práctico para que as crianzas aprendan a cociñar os seus propios pratos saudábeis con produtos sostíbeis do país.