Os xulgados encararán desde a segunda feira novos paros cunha folga indefinida

Xulgados de Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
Reclaman melloras salariais e profesionais como o fixo o persoal letrado

Os xulgados galegos afrontan un novo conflito laboral con paros diarios de tres horas que comezarán a segunda feira baixo a convocatoria de folga indefinida realizada polos sindicatos STAX, UXT, CCOO, CSIF e SPX-USO en contra da Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa no sector público da Xustiza. 

Esta nova folga, que chega semanas despois do final da levada a cabo polos letrados e letradas da administración de xustiza, provocará paros parciais entre as 10 horas e as 13 horas de segunda a sexta feira con excepción do 19 de abril, xornada na que o funcionariado está chamado a interromper a súa actividade todo o día.

As organizacións convocantes explican que o persoal demanda melloras salariais e profesionais "na mesma liña" das concedidas polo Ministerio de Xustiza aos letrados, que puxeron fin á súa folga tras pactar incrementos retributivos de entre 430 e 450 euros brutos en función das distintas funcións e niveis.

Os paros irán acompañados de concentracións ante os edificios xudiciais das sete cidades galegas, así como unha "gran manifestación" en Madrid durante o día 19.

A convocatoria non conta co respaldo da CIG, que se ben si mostrou o seu apoio ás mobilizacións en defensa de melloras retributivas, decidiu desmarcarse dos paros porque entende que "aínda está moi recente o ocorrido na folga de 2018" que tivo "consecuencias nefastas".

Os servizos mínimos estabelecidos pola Xunta inclúen unha persoa xestora ou tramitadora e unha de auxilio para as salas, rexistro e secretaría do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, e outro tanto para cada unha das seccións penais e mixtas.

Estas funcións tamén se cubrirán nas oficinas de rexistro e reparto das audiencias provinciais e nos rexistros civís exclusivos. Os xulgados de garda terán a todo o persoal.