'Aitor' retírase da Galiza, mais deixa perto de 400 incidencias: inundacións, árbores caídas e tráfico desviado

Temporal de chuvia en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Dúas persoas mortas e catro feridas nun accidente de tráfico en Mugardos (Ferrolterra).

A primeira borrasca do outono, 'Aitor', que veu acompañada dun río atmosférico desde latitudes tropicais azoutou a Galiza esta cuarta feira e na mañá desta quinta comezará a retirarse polo leste.

Ao seu paso, 'Aitor' deixou fortes ventos e abundantes chuvias que segundo informa o 112 Galiza provocaron caídas de árbores, desprazamentos de mobiliario urbano polo vento, inundacións e bolsas de auga que ocasionaron problemas na circulación.

A Coruña e Pontevedra acumularon as cifras máis altas de intervencións dos recursos de emerxencias, mentres que os valores extremos da xornada, marcada pola alerta laranxa, situáronse en puntos dispares do territorio, segundo informa Meteogalicia na súa web.

Este episodio meteorolóxico adverso continúa até a tarde desta quinta feira, 26 de setembro, polo que desde a Xunta da Galiza recomendan circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas anagadas e non aparcar na beira dos ríos.

Valores extremos

Penedo do Galo, no municipio de Viveiro (A Mariña) chegou a rexistrar durante a cuarta feira ventos de até 127 quilómetros por hora, superados de madrugada polos 162,6 km/h rexistrados en Lardeira, en Carballeda de Valdeorras.

Polo que se refire ás precipitacións, Lousame (comarca de Noia) rexistrou 110 litros por metro cadrado, mentres que Cuntis (Caldas) e Entrimo (Baixa Limia marcaron valores por riba dos 100 litros. Porén Fornelos de Montes (comarca de Vigo) anotou as chuvias acumuladas máis altas, de até 138 litros por metro cadrado.

Transporte cancelado e desviado

A circulación marítima tamén se viu afectada. A navieira Mar de Ons cancelou o servizo entre Cangas e Vigo debido ás condicións meteorolóxicas, pondo fin ás viaxes contra as 18 horas.

Por aire, o transporte de viaxeiros tamén se viu afectado en aeroportos como o de Santiago. Dous voos procedentes de valencia e Bilabo non puideron aterrar no Rosalía de Castro - Lavacolla e tiveron que ser desviados respectivamente a Madrid-Barajas e Alvedro.

Accidente de tráfico en Mugardos

Por outra parte, dúas persoas faleceron e catro resultaron feridas, entre elas un menor, após chocar tres vehículos en Mugardos (Ferrolterra), concretamente á altura do quilómetro 1,1 da estrada AC-123, no límite co municipio de Ares.

O sinistro ocorreu sobre as 22 horas desta cuarta feira. Nel víronse involucrados un Seat León, un Citroën C-15 e un Hyundai Kona. Os dous falecidos viaxaban nos dous primeiros vehículos.

Á zona desprazáronse os profesionais do GES de Mugardos, que demandaron a colaboración dos bombeiros de Ferrol para facilitar os labores de excarceración de falecidos e feridos. Tamén participaron no operativo axentes da Garda Civil e profesionais de Urxencias Sanitarias. O 061 mobilizou unha ambulancia de soporte vital avanzado, dúas ambulancias asistenciais e persoal da PAC de Fene. Alí foron atendidas seis persoas, dúas das cales, resultaron falecidas.

Outras catro persoas, tres mozos de entre 20 e 30 anos e un menor de idade foron evacuados ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.