Xustiza

Dous detidos por suplantar a identidade do alcalde de Barbadás para pedir diñeiro a veciños

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval. (Foto: Concello de Barbadás)
Os feitos ocorreron en decembro de 2023, cando varios veciños e veciñas recibiron as mensaxes do alcalde solicitando cartos.

A Garda Civil vén de deter dous veciños de Madrid de 25 e 29 anos de idade e de tomar declaración tamén a outros dous de 32 e 52 anos por suplantar a identidade do alcalde de Barbadás (comarca de Ourense), Xosé Carlos Valcárcel, para pedir diñeiro a través de WhatsApp a varios veciños e veciñas da localidade.

Segundo informou a Garda Civil de Ourense, os detidos están acusados de seren os presuntos autores de tres delitos de usurpación de identidade e oito delitos de estafa cometidos durante o pasado mes de decembro.

En concreto, os homes supostamente entraron no seu teléfono móbil e, tras facerse pasar pola vítima, enviaron mensaxes vía WhatsApp a varios veciños da zona solicitando diñeiro.

Deste modo, a Garda Civil de Ourense dá por desarticulado este grupo organizado dedicado á usurpación de identidade co obxectivo de cometer estafas utilizando novas tecnoloxías.

Tal e como informaron fontes da Garda Civil citadas pola axencia Europa Press, os feitos ocorreron en decembro de 2023, cando varios veciños e veciñas recibiron as mensaxes enviadas supostamente polo alcalde nas que lles solicitaba diñeiro.