Sanidade

O alcalde de Poio (PP) traslada ao Sergas a súa preocupación pola falta de facultativos en Raxó

Centro de Saúde de Raxó, en Poio (Foto: Concello de Poio).
Nunha comunicación coas autoridades sanitarias, o consistorio reclama "respostas" para "coñecer cal é a situación e as posíbeis solucións", así como as alternativas que se poden adoptar.

O Concello de Poio, dirixido polo rexedor do PP Ángel Moldes, trasladou onte ao Sergas a súa preocupación pola "falta de facultativos" no consultorio médico de Raxó, unha das localidades con máis afluencia turística da comarca do Salnés.

Nunha comunicación coas autoridades sanitarias, o consistorio reclama "respostas" para "coñecer cal é a situación e as posíbeis solucións", así como as alternativas que se poden adoptar.

Culpan o Estado

Desde o concello din ser "conscientes das dificultades que existen para cubrir as prazas de médicos" en Atención Primaria "pola inacción do Goberno estatal para paliar o déficit de profesionais", pero móstranse preocupados "porque o servizo poida quedar desatendido nun momento no que a poboación de Poio increméntanse notabelmente".

O ano pasado a Consellaría de Sanidade formalizou ante o daquela alcalde de Poio, o nacionalista Luciano Sobral, a intención de construír un novo centro de saúde no municipio.