O alcalde de Rianxo, a APDR e a equipa xurídica de Nunca Máis, premio á mellor actitude ambiental de 2013

Adolfo Muiños, alcalde de Rianxo [Foto: Fotos de Rianxo]

Os galardóns Osíxeno repárteos a asociación ecoloxista Adega que ten outros, os Dioxina, para as accións máis nefastas contra o medio. Este ano van parar ao xefe de conservación da natureza da Coruña e aos e ás deputadas europeas que asinaron o informe "manipulado" sobre o estado das rías galegas.


O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños (BNG), pola súa decisión de abandonar Sogama e pedir a integración na mancomunidade do Barbanza para compostar os residuos urbanos; a equipa xurídica de Nunca Máis por manter durante once anos "a loita xudicial pola dignidade do pobo galego"; e o presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, pola traxectoria "de compromiso" en defensa das rías e dos montes galegos contra os eucaliptos. 

Son os tres premios Osíxeno que Adega entregará o 11 de xaneiro na Nave de Vidán, en Compostela, para recoñecer as mellores actitudes ambientais do ano 2013. Con todo, a asociación ecoloxista tamén quere sinalar co dedo as tres peores accións en contra do medio ambiente e os seus responsábeis.

Por iso entregará tamén, aínda que non pasen a recollelos, os galardóns Dioxina, que desta volta van parar a Carlos Muñoz, xefe do servizo de conservación da Coruña, a quen Adega sinala como responsábel dos "masacres" de lobos no Barbanza, do "sangrado reiterado" da lagoa da Frouxeira e por estar denunciado pola fiscalía polo dragado da ría de Ferrol, en plena Rede Natura. 

O outro premio será partillado entre todos e todas as deputadas do Parlamento europeo que asinaron o informe "manipulado" sobre o estado das rías galegas onde se minimizaban as responsabilidades da Xunta e do Estado na situación "lamentábel" destes espazos.

A foto de Adolfo Muiños é de Fotos de Rianxo