O alcalde de Sarria, 4 concelleiros e 17 traballadores do Concello permanecen confinados tras un positivo
O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, canda catro concelleiros máis e 17 traballadores e traballadoras do Concello atópanse "confinados", estarán 10 días, tras o positivo dun funcionario.
"A segunda feira houbo un traballador que deu positivo na proba de PCR e, a partir dese momento, Sanidade estableceu un protocolo polo cal me confinaron a min", concretou Garrido.
"A partir no propio Concello fixemos unha colaboración para ver todas as persoas que podían ter relación directa con este traballador, e vimos que había 22 persoas, entre concelleiras e funcionarios, cinco concelleiros incluíndome a min e 17 traballadores", detallou.
Despois do positivo do funcionario, o alcalde constata que se puxeron en contacto coa Consellería de Sanidade "para" que lles fixesen unha proba, iso xa a terza feira pola tarde, e "o resultado foi negativo para todos os traballadores do Concello".
"As medidas de prudencia en canto á atención aos cidadáns no concello foron levantadas e a normalidade xa é absoluta e coa confianza de que temos unha casa do Concello segura sanitariamente", subliñou.
Agora deberán permanecer dez días illados, o que non vai ser inconveniente para seguir co "normal" funcionamento da corporación municipal.
"Hoxe cos adiantos tecnolóxicos, nós temos un Concello en rede, e co teléfono e eses adiantos tecnolóxicos estamos ao día, aínda que un pouco expectantes. Tamén vou aproveitar o tempo para ler e facer outros tipo de actividades", concluíu Claudio Garrido.