A alcaldesa da Coruña denuncia o veto á súa intervención nun acto do porto exterior: "Soa misóxino"

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei (Foto: Andy Pérez).
"Fun vetada porque os organizadores, Xunta e o Partido Popular, decidiron que o porto exterior non é dos coruñeses e as coruñesas e de quen lexitimamente os representa, é dicir a alcaldesa, decidiron que o porto exterior é do PP e, por tanto, están a utilizalo como tal", manifestou a rexedora herculina.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, denunciou o "veto" á súa intervención no acto de conmemoración da descarga de 20 millóns de toneladas de mercadorías no porto exterior de Punta Langosteira, con presenza do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.

"Soa un pouco misóxino", dixo ao explicar que foi convidada á cita "para estar alí sentada e dar un premio". "Non asistirei ao acto porque vetaron a miña intervención", explicou a rexedora na rolda de prensa que ofreceu para presentar os actos de Nadal.

"É unha absoluta falta de respecto á cidade da Coruña, é un evidente acto de campaña electoral do Partido Popular no que parece que a miña presenza os incomoda, moléstaos e, por tanto, vétana", criticou.

"Fun vetada porque os organizadores, Xunta e o Partido Popular, decidiron que o porto exterior non é dos coruñeses e as coruñesas e de quen lexitimamente os representa, é dicir a alcaldesa, decidiron que o porto exterior é do PP e, por tanto, están a utilizalo como tal", manifestou Rei.

"Quero dicirlles que non todo vale en política e, o primeiro e fundamental, é o respecto institucional que eu sempre tiven co porto e coa Xunta".

"Cando vetan a alcaldesa non me están vetando a min como persoa, están a vetar a cidade da Coruña e comprenderán que iso nin o consinto nin o admito nin o acepto", dixo, ademais de exixir que "se deixe o porto fóra da campaña electoral".

"Os grandes temas de cidade négome a que sexan patrimonializados por ningún partido político, a que sexan utilizados politicamente como arma", apostilou.

"Non son azafata"

A alcaldesa aclarou que foi convidada o acto "para estar alí sentada e dar un premio". "Eu non son a azafata do Telecupón, son a alcaldesa da Coruña", criticou.

Respecto diso, expuxo que se "farían o mesmo se no canto de Inés Rei fose Francisco Vázquez ou Carlos Negreira", en alusión a ex alcaldes da cidade herculina, "porque soa un pouquiño misóxino". "Non vou ir máis alá porque entón ademais de serio pareceríame gravísimo", recalcou.

"Utilizar as institucións e as infraestruturas da cidade como escenario da súa campaña electoral non é unha boa idea", concluíu tras cuestionar que descoñece "a que ten medo o señor Rueda".

Versión do Porto

Pola súa parte, o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, recalcou, en declaracións aos xornalistas durante o evento, que a alcaldesa da Coruña "estaba convidada" a este encontro e aludiu ao "protocolo" para xustificar o "nivel de participación" das autoridades no mesmo.

"Temos total respecto pola alcaldesa da Coruña e pola entidade que representa", afirmou tras lamentar a súa ausencia á cita. "é simplemente o criterio que seguimos sempre", argumentou tras insistir en que este encontro tivo lugar no Concello de Arteixo.

"Teremos ocasións de facer actos na Coruña e tamén terá ese protagonismo, esas palabras, a alcaldesa", asegurou para destacar, ademais, que se trata "simplemente ter o mesmo trato e respecto institucional en ambos os sitios".