En alerta laranxa por temporal costeiro, vento e choivas case toda Galiza

Fortes ondas polo temporal na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Ante os fortes ventos e a choiva que se espera, recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar perto de árbores, paneis publicitarios, estadas e obxectos que poidan caerse polo vento, entre outras precaucións.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta da Galiza activou para esta madrugada a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra, por vento en terra con xeiras moi fortes en zonas da Coruña e mais na Mariña, e por choiva no oeste e suroeste da Coruña.

Segundo a Aemet, o fenómeno meteorolóxico por temporal costeiro comezará esta madrugada en todo o litoral oeste do país. Espérase vento do sur a suroeste de forza 8 e de até 74 quilómetros por hora con mar combinada con ondas de até sete metros.

O episodio adverso por vento do sur e do suroeste espérase a partie da medianoite e alcanzará xeiras de 100 quilómetros por hora no noroeste, oeste e suroeste do litoral da provincia da Coruña e mais no da Mariña. No resto da Galiza o aviso será de nivel amarelo por xeiras máximas de 80 quilómetros por hora.

No oeste e suroeste da Coruña estará ademais activa a alerta laranxa por choivas a partir da madrugada, con precipitacións acumuladas de máis de 80 milímetros en 12 horas. No noroeste e interior da Coruña e no resto do país, a alerta será amarela por choivas acumuladas de 60 l/m2 en 12 horas.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, tamén diques, rompientes e paseos marítimos, así como que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ante os fortes ventos e a choiva que se espera, recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar perto de árbores, paneis publicitarios, estadas e obxectos que poidan caerse polo vento, non atraversar zonas alagadas ou que poidan chegar a alagarse, non aparcar nas marxes dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e xanelas.