Alerta pola gripe aviar altamente patóxena: gran preocupación pola transmisión entre mamíferos de distinta especie

Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O virus da gripe aviar altamente patóxena (HPAI) H5N1 está a saltar de vaca a vaca, así como entre especies diferentes de mamíferos, segundo unha investigación científica publicada con urxencia na revista Nature.

O virus da gripe aviar altamente patóxena (HPAI) H5N1 que causou a morte de centos de millóns de aves domésticas e salvaxes en todo o mundo desde o ano 2021 está a saltar de vaca a vaca, segundo unha investigación científica publicada esta quinta feira con urxencia na revista Nature.

O estudio, desenvolto por un extenso equipo dos Estados Unidos de América e chamado Impactos negativos do virus da gripe aviar altamente patóxena a gando lácteo, advirte de que "a transmisión eficiente e sostida de mamífero a mamífero non ten precedentes".

Ao respecto, di a publicación, "é preocupante porque pode facer que o virus se adapte, mellorando a súa capacidade infecciosa e a súa transmisibilidade a outras especies, incluídas as persoas".

Tal e como lembran, os gromos deste virus, que afectaron gaivotas e mascatos na Galiza, tamén produciron contaxios en mamíferos. Porén, a situación semella moito máis grave agora. "Reportamos impacto negativo do HPAI H5N1 en mandas de gando lácteo en varios estados dos EUA", confirman.

"As vacas afectadas mostraron os signos clínicos que abarcan desde a mingua no consumo de alimentos, até a alteración da consistencia fecal, aflicións respiratorias, e decrecemento na produción láctea cunha leite anormal", relata o estudo.

"Secuencias completas do xenoma do virus foron atopadas en vacas leiteiras, aves, gatos domésticos e nun mapache nas explotacións afectadas", destaca o equipo investigador. Isto indica unha transmisión multidireccional entre especies diferentes, segundo advirte.

"Estes resultados demostran a transmisión de HPAI H5N1 nunha forma até o de agora descoñecida e cunha especial habilidade do virus para cruzar barreiras de especie", conclúe o artigo.

"Houbo casos na Galiza"

"Esta cepa é perigosa porque  ten unha alta transmisión e leva preocupando á ciencia durante moito tempo", explica Pedro Romero, investigador da Estación Biolóxica de Doñana. "É altamente letal en aves e tamén en mamíferos, polo que se sabe das especies mariñas", destaca. 

"Xa houbo casos na Galiza, detectándose en aves silvestres", alerta. "En Polonia apareceu en gatos e nalgún caso barallouse a posibilidade de que se transmitira a través de alimentos que contiñan aves", engade. "Hai xa un bo número de especies animais nas que se detectou o virus e que están perto dos humanos, polo que o problema é moi grande", conclúe Romero.