Alerta vermella en todo o litoral galego para esta fin de semana, con ondas de até nove metros

Fortes ondadas na praia coruñesa de Riazor. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Desde esta quinta feira xa está activo en toda a costa o nivel laranxa.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do Goberno galego vén de activar a alerta vermella por temporal costeiro en todo o litoral galego para esta fin de semana, ao esperarse ondas de até nove metros de altura.

Segundo as últimas predicións da Aemet, o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde este mesmo mediodía no norte e noroeste do país, así como na comarca da Mariña, estendéndose na madrugada deste sábado ao resto da costa.

Nun comunicado, a Xunta lembrou que desde esta pasada quinta feira xa se está rexistrando en todo o litoral galego un fenómeno meteorolóxico de nivel laranxa, con ondas de até oito metros e ocasionalmente ventos de forza 8 e até 74 quilómetros por hora.

Por todo iso, o Goberno galego trasladou esta situación aos concellos afectados, ás deputacións e aos servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, así como aos clubes náuticos, entre outros.

Así, o Executivo galego salientou a importancia de manterse lonxe da costa, en concreto de diques, rompientes e paseos marítimos. Tamén recomendou non saír a navegar, pescar ou practicar deportes náuticos.