Alertan de "mafias" dedicadas á "trata de persoas" inmigrantes en Lalín

A Casa do Concello de Lalín, cuxo Goberno local é criticado polo BNG pola xestión dos empadroamentos, particularmente, de persoas inmigrantes. (Foto: Concello de Lalín).

A preocupación pálpase entre os colectivos de Lalín que desenvolven o seu traballo coa poboación inmigrante. Varios deles denuncian a existencia de “mafias” dedicadas á “trata de persoas” mentres a veciñanza alerta de irregularidades no empadroamento de persoas de nacionalidade non española.

Carabelo é unha asociación con sede en Lalín (comarca do Deza) que leva máis de 10 anos traballando no apoio e na integración de mozas e mozos e mais de crianzas procedentes de familias vulnerábeis, con especial atención na poboación inmigrante. O 18 de xullo, a directiva da entidade fixo público un comunicado onde alertaba das condicións de vida dun parte do colectivo de inmigrantes na capital do Deza, denunciaba supostas prácticas de “trata de persoas” e advertía das consecuencias de “deixar medrar as mafias”.

A asociación sinalou entón que “ser inmigrante por suposto que non é un delito, o delito é aproveitarse de devanditos inmigrantes en situación vulnerábel e facer un negocio diso. Moitas veces estas persoas chegan a Lalín e viven en condicións infrahumanas, amoreadas en baixos, sen auga corrente, sen luz natural, sen baño, nin asistencia que cubra as necesidades básicas. Isto non é integración, isto é trata de persoas”. Ao tempo, indicou que “toda esta situación ademais de afectar á poboación nos seus espazos de convivencia, afecta as nenas e mozas inmigrantes, moitas delas nadas en Lalín, que están a ser perseguidas, vixiadas e limitadas nos seus dereitos”.

A directiva de Carabelo, que advirte de que os feitos non teñen a ver nin con relixións, nin con costumes nin con culturas, recoñeceu que membros da asociación "pasamos situacións de medo e indefensión, sufrindo presións por defender os dereitos dunha menor". "Todos somos coñecedores das graves consecuencias de deixar crecer estas mafias, entendéndose por mafias certos individuos e non todo un colectivo", expuxo a entidade que engadiu que "lamentabelmente isto é unha realidade, aínda que tratar este tema cre alarma social”.

A denuncia deste colectivo non tardou en ser apoiada por outras dúas entidades que traballan en Lalín con persoas vulnerábeis. Unha delas, a asociación O Mencer, que mantén aberto un banco de alimentos na localidade, mostrou o seu apoio, a través súas redes sociais, ao comunicado de Carabelo. A outra, a asociación Recycling, dedicada a recoller e reparar bicicletas de segunda man para entregarllas a persoas sen recursos da comarca do Deza mais tamén da Galiza e doutros países, manifestou, tamén, a súa preocupación a respecto da situación que se vive en Lalín.

Ademais, o colectivo lalinense Azos Feministas ten dado, tamén, a voz da alarma sobre a problemática creada. Así, nun comunicado publicado o 3 de agosto, afirmou que “estamos preocupadas polos feitos constatados de que hai nenas e mulleres maltratadas e acosadas de forma persistente na nosa vila. Estamos indignadas e avergoñadas de que se estea a permitir que persoas migrantes que buscaban unha vida mellor estean sendo abusadas e denigradas, baixo ameaza e coacción desde unha mafia que fai que vivir en Lalín sexa un pesadelo aínda maior que antes de migrar. Estamos asustadas tamén, moito, porque soa incríbel que a semente en Lalín dunha mafia/banda/clan, como queiramos chamarlle, non conte con contactos, apoio e convivencia de máis persoas”.

"Indefensión"

"Estannos a alertar de que hai persoas en situación de grande indefensión. Tememos que exista unha rede de persoas con poder que permite e alenta moitos delitos, máis aló do empadroamento indebido. E quizais non saberemos nunca nin a décima parte do que está a suceder, pero si confiamos plenamente no testemuño de persoas que defenden a vida e os dereitos humanos de familias vulnerábeis, migrantes, honradas, e están a denunciar que en Lalín hai trata de persoas”.

A primeira denuncia sobre a situación chegou a comezos de xullo da man do BNG. O seu voceiro local, Francisco Vilariño, sinala que “en Lalín temos un problema moi grave de inseguridade, que non é un problema de cultura, nacionalidade ou relixión, senón que está focalizado nun grupo de persoas que actúa como unha auténtica mafia, con rúas onde a veciñanza non se atreve a pisar e que afecta ao conxunto da cidadanía, sendo se cadra os inmigrantes quen máis o sofren por ser un colectivo máis vulnerábel”.

Vilariño presentou diversas iniciativas sobre esta cuestión ante o Pleno do Concello de Lalín. Nunha delas, o portavoz do BNG reclamaba “a creación dunha comisión de investigación para aclarar as denuncias sobre empadroamento irregular de persoas, fundamentalmente de nacionalidade alxerina, efectuadas por propietarios de vivendas que se atoparon con que tiñan empadroada nas súas casas, tanto nas baleiras como nas habitadas, xente da que descoñecían a súa identidade”. A iniciativa foi rexeitada pola maioría do PP.

Precisamente, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, responsabilizou do acontecido na localidade a Subdelegación do Goberno do Estado. Nós Diario tratou de contactar, sen éxito, con el, mais fontes próximas ao rexedor referíronse ás declaracións que ofrecera a finais de xullo: "Dá a sensación de que a Subdelegación do Goberno quere botar balóns fóra. Se hai que facer investigacións de carácter penal porque alguén di que aquí hai algunha mafia, quen o ten que facer é a Garda Civil e quen o ten que ordenar é a Subdelegación do Goberno e así llo vou deixar claro ao subdelegado canto teña a ben ter a reunión da Xunta Local de Seguridade”, para a cal a día de hoxe non hai data.Nós Diario tampouco puido contactar co subdelegado do Goberno español, Abel Losada.

A comunidade islámica de Lalín fecha de maneira temporal a súa mesquita

As fontes consultadas por Nós Diario responsabilizan da situación que vive Lalín a un pequeno grupo da comunidade magrebí, concretamente de orixe alxerina. Segundo as cifras procedentes do censo, nesta localidade do Deza residen 1.616 inmigrantes, sendo 250 de nacionalidade alxerina, 209 de nacionalidade venezolana e 116 de nacionalidade marroquí.  Precisamente, a Embaixada de Alxeria escolleu Lalín para instalar o seu colexio electoral na Galiza de cara ás eleccións que decorrerán o 6 de setembro, por ser nesa localidade onde reside o 25% da poboación desa nacionalidade asentada na Galiza.

O problema deste pequeno grupo que está no foco das denuncias levou a propia comunidade islámica da localidade a anunciar onte o fechamento temporal da mesquita emprazada en Lalín para comezar unha nova etapa e tentar illar ese colectivo obxecto das queixas de diversos colectivos da vila. Neste sentido, as asociacións que traballan con inmigrantes, así como diversos representantes das comunidades de nacionalidade non española, sinalan á capitalidade do Deza como un exemplo de integración e convivencia até hai perto de dous anos.

A situación aberta en Lalín presenta derivadas no plano político, xurídico e policial. A este respecto, os casos de trata de persoas denunciados polos colectivos da vila advirten de condutas tipificadas penalmente que as autoridades políticas, o poder xudicial e os responsábeis das forzas de seguridade non poden deixar pasar por alto.