Sanidade fechará entre 15 e 20% das camas dos hospitais públicos durante o verán

O conselleiro de Sanidade defendeu ademais a actuación dos dous altos cargos do Sergas investigados pola morte de seis enfermos de hepatite C, durante unha entrevista na Cadena Ser.

Entre 15 e 20 por cento das camas dos hospitais públicos galegos estarán fechadas durante este verán. Así o anunciou este domingo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, durante unha entrevista na Cadena Ser. 

 

Almuíña recoñeceu que esta porcentaxe de camas “non terá persoal asignado”, mais asegurou que en caso de ser necesario estarán “listas e preparadas” para o seu uso. Preveu así unha maior actividade en áreas como Compostela e Vigo, onde pretenden, segundo declaracións recollidas por Europa Press, rebaixar as listas de espera.

 

Por outra lado, defendeu a actuación dos dous altos cargos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) investigados pola morte de seis enfermos de hepatite C. O conselleiro dixo que tanto Félix Rubial como Carolina Gómez-Criado traballaron “a un alto nivel de responsabilidade e eficacia”, malia os indicios xudiciais. 

 

Falou tamén da intención de sacar 1.600 prazas a concurso, que asegurou fica á espera de que se aproben os Orzamentos Xerais do Estado. Almuíña engadiu que o obxectivo do goberno galego é convocar oposicións todos os anos, aínda que non se comprometeu a volume concreto de prazas.