A calor abafante marca a fin de semana: que localidade galega experimentou a maior temperatura e a cantos grados chegou?

Non é aconsellábel visitar as praias nas horas de máxima calor (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Esta semana arrincará na Galiza con aire cálido en superficie mais frío en altura, que implicará que a inestabilidade sexa a protagonista na xornada desta segunda feira.

O municipio de Leiro (O Ribeiro) rexistrou os 39 graos, a temperatura máis alta deste domingo no que moitas zonas da Galiza superaron os 30 graos.

Segundo Meteogalicia, na cidade de Ourense, ás 18.10 horas, o mercurio alcanzou os 38,7 graos, en Arnoia (O Ribeiro) 38,6 graos e en Vilamartín (Valdeorras) os 38,4 graos.

En contraposición, a temperatura máis baixa rexistrouse en Calvos de Randín (A Limia), con 11,2 graos, seguido de Baltar (A Limia), con 12,6 graos, Viana do Bolo (Viana), con 13,9 graos, e Lalín (O Deza), con 14,3 graos.

Esta semana arrincará na Galiza con aire cálido en superficie mais frío en altura, que implicará que a inestabilidade sexa a protagonista na xornada desta segunda feira.

Así, no inicio da xornada haberá nubes de evolución crecendo desde o sur e estendéndose ao resto do territorio, sen descartar algunha tormenta desde a mañá.

Así mesmo, pola tarde e durante a noite as choivas serán localmente fortes e acompañadas de tronadas máis probábeis no interior da Galiza.

En canto ás temperaturas, as mínimas ascenderán e as máximas manteranse sen cambios ou lixeiros ascensos na metade norte. O vento soprará do norte frouxo, sendo do nordeste moderado no litoral norte e poderán alcanzar certa intensidade nos lugares nos que as choivas sexan máis intensas.

Alerta amarela

Ademais, varias zonas de interior estarán en alerta amarela por choiva ao esperarse acumulacións nunha hora de 15 litros por metro cadrado e por tormentas acompañadas localmente de saraiba.