As alternativas á prisión fican afastadas da poboación reclusa

Concentración diante do xulgado de Vixilancia Penitenciaria da Coruña o pasado 31 de maio. (Fotos: Nós Diario).

Familias de persoas presas urxen a centros e xulgados de vixilancia penitenciaria darlle prioridade a medidas alternativas ao cárcere, que alenten a reinserción en réxime de semiliberdade ao amparo da lei. Segundo denuncian, están a dárlle preferencia ao "castigo" no canto de aplicar a norma de forma máis flexible en casos de boa conduta asociada a delitos non violentos.

Desde primeiros de xuño Jéssica Maceiras acode ao xulgado de Vixilancia Penitenciaria da Coruña para "pórlle cara ao seu marido" e, a través da súa historia, dar a coñecer o caso doutros moitos reclusos na Galiza sen acceso a medidas alternativas á prisión.

"Durante a pandemia nos cárceres viviuse unha situación devastadora", explica a Nós Diario. Foi o que a levou a organizarse hai agora ano e medio canda a outras mulleres para mudar as condicións de trato dos seus familiares e doutras persoas presas.

Están a priorizar o castigo por riba da reinserción

Após 10 meses sen visitas e viron como a normalidade regresaba a residencias, hospitais, discotecas e campos de fútbol mentres nas prisións "non avanzábamos nunca". A restrición e a vulneración dos dereitos era total, di. Tras recuperar as visitas, a contagotas, "o noso familiar quedaba encerrado nunha cela de dous por dous durante dez días", sometido a un illamento estrito e "inhumano".

A pospandemia

Desde primeiros de abril xa non hai corentenas, confirma Maceiras, mais a pandemia deixou unha situación moi complexa para as persoas en privación de liberdade. E apunta unha demora inxustificada no acceso a permisos de saída e terceiros graos.

"Os xulgados de vixilancia penitenciaria están totalmente colapsados. Para darlle solución a un permiso de saída que antes se resolvía en 15 días tardan seis meses, e persoas que cumpren os requisitos para vivir en semiliberdade estanas a deixar até o último día".

É o caso do seu marido, denuncia. Chámase Alejandro Cebral. Ingresou no cárcere de Teixeiro hai tres anos e medio por conducir sen licencia tras perder todos os puntos do carné e non poder aboar as multas pendentes "por exclusión social". O castigo transformouse en privación de liberdade. Foi condenado a nove anos.

O meu marido cumpre os requisitos que esixe a lei para acollerse ao artigo 182 do regulamento penitenciario

Tras cumprir máis dun cuarto e acceder aos primeiros permisos de saída -só desfrutou un dos catro aprobados polo xuíz tras recorrer-, Jéssica Maceiras asegura que o seu marido "é unha persoa apta para vivir en semiliberdade. Pero esquécete", resolve.
Coma el, afirma, outras moitas persoas presas. A 20 de maio, segundo datos de Institucións Penitenciarias que ela mesma reclamou, na prisión de Teixeiro había 1.018 internos para 1.008 prazas, dos cales 133 eran preventivos e 885 penados con sentenzas firmes. "De verdade ningún cumpre os requisitos para saír en semiliberdade?", cuestiona.

Castigo vs. reinserción

A maioría dos penados non ingresa no cárcere por delitos violentos. "En Teixeiro, a maioría está por delitos contra o patrimonio, exclusión social e drogodependencia". Con boa conduta e un uso favorábel dun réxime continuado de permisos estaría en condicións de acceder ao terceiro grao, "pero están a priorizar o castigo por riba da reinserción", recalca Maceiras. 

"O meu marido cumpre os requisitos que esixe a lei para acollerse ao artigo 182 do regulamento penitenciario. A solicitude está enriba da mesa do xuíz e non sei se a vai asinar ou non". Desde o 23 de maio Alejandro Cebral ten praza nunha unidade extrapenitenciaria, en Ferrol, como alternativa para o cumprimento da súa pena, "mais ninguén nos contesta". 

"É unha persoa nova, que se esforza, con capacidades, parella estábel, fillos, familia, arraigo. Non minimizo o delito que cometeu, pero que vai aprender en nove anos de presión que non aprendeu xa en tres e medio nos que demostrou boa conduta e un bo uso dos prermisos? O que necesita é curarse". 

A administración carceraria fai prevalecer criterios de seguranza da propia institución e transfire toda responsabilidade á xurisdición penitenciaria

O seu compañeiro é dogrodependente, mais suma dous anos de abstinencia nun módulo terapéutico, un mecanisco cada vez máis habitual dentro das prisións, confirman desde Esculca, Observatorio de Dereitos e Liberdades que nos últimos anos non fixo máis que  afastar dos presos unha reinserción extracarcelaria en réxime de semiliberdade.

Facer das prisións espazos "innecesarios"

As demandas das mulleres dos presos de Teixeiro teñen réplica no resto da Galiza e do Estado. Tamén as demoras nos xulgados de Vixilancia Penitenciaria. "Non tanto por saturación como pola tardanza dos infomes de institucións penitenciarias", aclara Fernando Blanco, vicepresidente de Esculca e avogado. Cada vez máis, asegura, permisos, terceiros graos e liberdades condicionais son "raras avis".

Os requisitos son claros mais a "administración carceraria fai prevalecer criterios de seguranza da propia institución e transfire toda responsabilidade á xurisdición penitenciaria". Isto deriva nunha "longa pelexa" xudicial que estende as privacións de liberdade ao tempo que afasta a idea de facer das prisións espazos máis flexíbeis  e "institucións innecesarias".