Altri admite que verterá no río Ulla unha media de 60.000 quilos de sulfatos ao día

Estado do encoro de Portodemouros en Brocos, Agolada (O Deza), esta semana. (Foto: Anxo Oro)
O proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) contempla verteduras á auga do río Ulla e ao encoro de Portodemouros de sulfatos, materia orgánica de difícil descomposición, sólidos en suspensión, nitróxeno e fósforo. A auga do Ulla chegaría ás billas de 11 concellos até a ría de Arousa. 

O Estudo de Impacto Ambiental (EIA) presentado por Altri para a tramitación diante da Xunta da Galiza do proxecto da súa celulosa en Palas de Rei (A Ulloa) recoñece que a factoría vertería ao río Ulla ao día unha media de 2.000 miligramos/litro de sulfatos. Esta cantidade, multiplicada polos 30 millóns de litros de auga vertida por Altri —cantidade tamén recoñecida pola empresa no seu EIA— supoñen 60.000 quilos de sulfatos que a pasteira expulsaría ao río Ulla cada día. Tamén contempla o estudo dentro destas verteduras á auga diarias 6 toneladas de materia orgánica de difícil descomposición, 1,5 toneladas de sólidos en suspensión, 450 kg de nitróxeno e 60 kg de fósforo, entre outras substancias. Con estes datos proporcionados no propio EIA da empresa, o físico Miguel Leiva conclúe que a actividade de Altri na auga do Ulla e no encoro de Portodemouros (nos concellos de Arzúa Santiso, Agolada e Vila de Cruces) “pode mudar o seu pH actual (que está en 7,4 ± 0,3 ) e elevalo até 9 (xusto o límite que estabelece o Plan hidrolóxico Galiza-Costa).

A vogal de Augas da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Ana Fernández Santamariña, ten estudado o efluente tratado que declara Greenfiber (marca coa que Altri e Greenalia promoven a celulosa) no seu EIA, e destaca que “non se vertería só nitróxeno e fósforo, senón que tal e como afirman tamén emitirían outras substancias como sulfatos, que multiplicados polo caudal máximo de vertedura suporían un total de 60 toneladas ao día (60.000 kg)”, unha cifra que para esta experta é “alarmante” tendo en conta que as altas concentracións deste composto irían polo Ulla, que abastece de auga once concellos, até a ría de Arousa, ou o que é o mesmo: unha poboación de máis de 140.000 habitantes.

As verteduras poderían ser prexudiciais para a saúde

Fernández destaca que esta elevada cifra de poboación “bebe do Ulla augas abaixo, e hai máis concellos que pediron engadirse a esta captación”. Destaca que as estacións depuradoras dos concellos que abastece o Ulla “non son quen de eliminar estes sulfatos, faría falta un proceso de osmose inversa e técnicas moi caras para facelo, e non existen na zona”. Segundo expertas consultadas por Nós Diario, esta cantidade de sulfatos vertida por Altri “podería ser prexudicial para a saúde das persoas” que consuman a auga do Ulla. Os sulfatos diminúen as cualidades organolépticas da auga, provocando que “ula e saiba mal, salinizan a auga” e destacan que esta contaminación, “unha vez na auga, é case imposíbel de eliminar mediante técnicas estándares implementadas nas plantas potabilizadoras dos concellos que se abastecen do Ulla augas abaixo do punto de vertedura”.

A respecto das previsións de verteduras ao Ulla que figuran no EIA de Altri, o físico Miguel Leiva alerta de que “nos meses de verán a macrocelulosa estaría botando ao río 30.000.000 de litros de residuo industrial, a razón de 347 litros por segundo”. Alerta Leiva de que esta cantidade “é a terceira parte da auga que leva o Ulla a partir do punto de vertedura”, que o proxecto de Altri sitúa na parroquia de O Sexo (Agolada, O Deza). Asegura que a macrocelulosa “aniquilaría polo menos o tramo do Ulla no que prevén as verteduras” e no caso de Portodemouros o efecto de Altri suporía “aumentar a eutrofización e a putrefacción do encoro no verán”.

Tamén alerta Ana Fernández dos efectos que o cambio climático está a producir nos recursos hídricos e o abastecemento por parte do Ulla de auga río abaixo até a Arousa. Explica que “na actualidade hai unha poboación de 140.000 persoas que se abastece do Ulla”. No ciclo 2021-2027, Agolada, Arzúa, Boqueixón e A Estrada “presentaron déficit máximo anual en 2 e 10 anos consecutivos, non satisfacendo a demanda de abastecemento de auga”. A previsión entre 2027 e 2033 é que “empeore”, sumándose Rodeiro, Silleda, Touro e Vila de Cruces.

Os datos oficiais

O EIA da celulosa na Ulloa, elaborado pola empresa Afry (do mesmo grupo que a que descartou nun informe para Ence que ningún río da Galiza, salvo o Miño, puidesen asumir o traslado da pasteira), na súa páxina 570, refírese ao impacto da actividade da celulosa sobre a hidroloxía do río Ulla, e conclúe que este impacto será "continuo, permanente e irreversíbel". Logo desta afirmación, no EIA sostense que esta afectación sería “compatíbel" con medidas de "mitigación". Pero o certo é que en ningunha parte deste estudo se especifican esas medidas. De feito, especialistas que teñen analizado o EIA de Altri critican a “falta de calidade e datos” no mesmo.  Leiva denuncia que no EIA “aparece cun 'corta e pega' a mesma gráfica, cambiando só o título” sobre compostos tan distintos como o amonio, nitratos ou fósforo

Os sulfatos diminúen a calidade da auga E alteran o seu sabor e o seu olor

A Xunta licitou en 2019 a elaboración dun estudo sobre o estado dos encoros, entre eles Portodemouros. Pagou por este traballo máis de 600.000 euros á empresa Eurofins Iproma. O estudo non foi divulgado, mais a Consellaría de Medio Ambiente sinala a Nós Diario que as conclusións foron incorporadas ao Plan hidrolóxico Galiza-Costa 2021-2027.


Naturgy alega contra a captación de auga de Altri

O encoro de Portodemouros ten unha concesión de aproveitamento hidroeléctrico desde 1962. Aínda que pasou por varias mans e empresas, a titularidade do aproveitamento é actualmente de Naturgy até polo menos o ano 2061, segundo os datos facilitados no Congreso dos Deputados polo Goberno do Estado en 2022. A concesión pertence a Naturgy Generación SLU, cunha potencia de 95.000 kilowatts. 

Nós Diario púxose en contacto con Naturgy para coñecer a súa valoración a respecto de que Augas da Galiza poida acceder a concederlle a Altri 46 millóns de litros de auga diarios deste mesmo encoro. A compañía confirmou a este xornal que “Naturgy contestou como parte interesada á consulta de Augas da Galiza en relación á solicitude da nova concesión de auga no embalse de Portodemouros, de acordo ao trámite habitual de información pública. Ao existir unha concesión preexistente, é preceptivo, segundo a normativa sectorial, velar pola compatibilidade de usos”.

Este xornal preguntou tamén á empresa se presentou alegacións diante da solicitude de Altri para a captación en Portodemouros, ao que Naturgy respondeu que “si, desde Naturgy fixéronse manifestacións á solicitude de nova concesión de auga”, pero en todo caso non quixeron facer valoracións públicas a respecto do proxecto da compañía portuguesa.