Medio Ambiente

Altri "ameaza" especies protexidas na Ulloa e persoas expertas advirten: "O Estudo de Impacto Ambiental é penoso e escuro"

Margarida de Barazón, centaurea, herba de namorar de Merino e santolina de Melide.
A herba de namorar de Merino, a margarida de Barazón e a santolina de Melide están 'en perigo de extinción” segundo o 'Catálogo Galego de Especies Ameazadas' da Xunta. Especialistas en bioloxía alertan: "A celulosa de Altri non respecta a súa protección”.

Tres pequenas plantas endémicas da zona comprendida entre Melide (Terra de Melide) e Palas de Rei (A Ulloa) paralizaron hai máis dunha década e modificaron en febreiro de 2020 o trazado da autovía A-54 entre Compostela e Lugo. O Boletín Oficial do Estado (BOE) tivo que mudar cun investimento adicional de 1,9 millóns de euros o proxecto inicial deste viario entre os quilómetros 1,5 e 5 para minorar a ocupación da Zona de Especial Conservación (ZEC) da Serra do Careón. Case tres anos despois, a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi), a margarida de Barazón (Leucanthemum gallaecicum) e a santolina de Melide (Santolina melidensis) volven estar ameazadas, desta volta polo proxecto da macrocelulosa que a empresa portuguesa Altri quere construír en Palas de Rei e que a Xunta impulsa.

Especialistas en bioloxía e botánica da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) denuncian que o Estudo de Impacto Ambiental presentado por Altri ameaza a supervivencia destas e doutras especies endémicas de flora da zona, unha área que expertas e expertos teñen catalogada coma “moi importante” no ámbito estatal no Proxecto Atlas de Flora Ameazada promovido polo Goberno do Estado. Ademais, critican que estas tres especies e a Centaurea gallaecica, tamén presente na zona, están no Catálogo Galego de Especies Ameazadas da Xunta a Galiza. “Só ao coñecer a localización do proxecto, a Xunta tería que telo descartado”, aseguran a Nós Diario.

O catedrático de Botánica da USC Santiago Ortiz, un dos 200 botánicos que participou no Proxecto Atlas, identifica esta zona da Galiza coma “unha das dez do Estado máis interesante desde o punto de vista de conservación da flora”. Explica que a afectación da macrocelulosa de Altri sería “nunha zona que é patrimonio natural” a nivel do Estado e de Europa. Ademais, Ortiz critica que estas especies ameazadas forman parte do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, o que tería que supor “plans de protección e conservación da Consellaría de Medio Ambiente” que, porén, non existen.

Pola contra, denuncian varios expertos a Nós Diario, a actitude da Xunta ao respecto deste tema “é unha desvergonza”. Denuncian publicamente que da web da Consellaría de Medio Ambiente “desapareceron hai uns meses” as especies de flora e fauna da Serra do Careón (entre Melide e Palas de Rei) no apartado de Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais. No resto das máis de 50 áreas recollidas na web de Medio Ambiente, si figuran as especies de flora e fauna. Non é este o único comportamento estraño da Consellaría capitaneada por Ángeles Vázquez a respecto deste asunto, sinalan. Unha publicación de 2022 da Xunta da Galiza, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, identifica a “flora endémica ameazada da Galiza en serras interiores”, e figuran estas tres especies que agora ameaza Altri na Serra do Careón. Os expertos das universidades galegas consultados afirman que “a Xunta, coñecendo a localización deste proxecto, xa tiña que ter dito non”.

A bióloga Eva Martínez Veiga, do Departamento de Botánica da Universidade da Coruña, destaca a área afectada polo Proxecto Gama -o proxecto de celulosa de Altri en Palas de Rei- como “unha zona de moito valor, tamén polo tipo de solo serpentínico”. Trátase dun solo “delicado e se modificas algo nel, as plantas non poderán vivir alí, e Altri vai afectar”, explica. Sinala que a Xunta da Galiza “tería que facer por lei seguimento,n pero non ten ningún plan de protección, o Catálogo Galego de Especies Ameazadas ten unha función simbólica”.

“Biólogos, para que?”

Segundo confirman estes especialistas a Nós Diario, nin a pasteira portuguesa Altri nin a empresa que elaborou o Estudo de Impacto Ambiental (Afry) requiriron dos coñecementos de expertos da UDC ou da USC para este proxecto da celulosa na Ulloa. O catedrático Ortiz recoñece que un dos autores deste informe “chamoume un par de veces, pero foi un contacto persoal. Sobre o proxecto expreseille a miña posición radical en contra e xa lle anunciei que ía ter oposición total”.

Co departamento de Botánica da UDC nin sequera houbo ese contacto, destaca Eva Martínez “neste departamento non contaron con ninguén”. Biólogos independentes e das universidades galegas explican a Nós Diario que o resultado é que o Estudo de Impacto Ambiental é “penoso, escuro e non semella estar feito por especialistas. Parece un traballo dun alumno da ESO”. Foi a propia empresa, na reunión coa veciñanza de Melide en marzo, a que confirmou este "desprezo" pola posíbel afectación á biodiversidade da zona. Nese encontro, unha persoa do público preguntou aos técnicos de Altri se había algún biólogo no deseño do proxecto, a resposta dunha das técnicas da empresa foi rotunda: “Biólogos, para que?”.

O persoal experto consultado por Nós Diario coincide en que o Estudo de Impacto Ambiental presentado por Altri para o seu proxecto “ameaza unha xoia botánica como é A Ulloa e unha xoia faunística única en Europa como a do río Ulla”. O biólogo Cosme Damián Romay ten estudado os documentos presentados por Altri. “Son todo carencias e incongruencias”.

Un medio edáfico especial

A doutora en Bioloxía María Fernández Sanjurjo é profesora de Ciencias do Solo no Campus de Lugo (USC). “Nas últimas décadas a sociedade está tomando conciencia das funcións fundamentais dos solos no ecosistema: proporciona alimentos, absorbe, almacena e filtra auga, protexendo así as masas de auga subterránea dos contaminantes e regulando o ciclo hidrolóxico. Ademais, alberga mais de 25% da biodiversidade da Terra”, sinala.

Fernández Sanjurjo destaca que a pasteira destruiría un dos solos más interesantes e raros da Galiza como son os formados sobre rochas serpentiníticas, as cales ocupan toda a zona de implantación da factoría. Estas rochas denomínanse así polo seu aspecto de “pel de serpe” debido á presenza de minerais moi particulares formados nun proceso denominado metasomatismo. Estas áreas ocupan menos de 1% da superficie a nivel mundial, mentres que na Galiza representan unicamente 0,2% da superficie total.

Os solos formados a partir destas rochas presentan unhas propiedades excepcionais. Estas condicións edáficas tan particulares provocan unha intensa presión selectiva, favorecendo a aparición e a evolución de endemismos, fomentando a creación de biotas únicas a nivel mundial. Trátase de verdadeiros laboratorios de biodiversidade na natureza que contribúen ao coñecemento da teoría evolutiva e dos mecanismos de adaptación destas especies, e que nos permiten aplicalos, por exemplo, nos procesos de fitoremediación, para recuperar solos contaminados.

Fernández Sanjurjo explica a Nós Diario que permitir a instalación desta megafábrica nestes espazos de tanto valor científico, social e medioambiental é indicativo da “escasa sensibilidade ambiental das nosas administracións”. Sinala que os documentos presentados por Altri relativos ao medio edáfico, “reflicten a pouca importancia que se lle deu a este tema, sen ningunha referencia ás particulares propiedades edáficas e ao seu valor ambiental e con evidentes erros e graves contradicións na clasificación e descrición destes solos”.

Segundo Fernández, a implantación da macrocelulosa tería un impacto directo sobre o medio edáfico que quedará destruído pola construción das diferentes instalacións que ocupan mais de 350 ha, así como un impacto continuo nas zonas adxacentes, provocado pola actividade industrial, con emisión de gases e partículas á atmosfera, unha intensa circulación de camións, etc. Todo isto contradí as diversas Directivas Europeas publicadas desde 2002 até 2023, a Axenda 2030, así como a propia Lei da Paisaxe da Galiza, que instan á protección dos solos fronte á contaminación, erosión e cementación, tendo en conta as importantes funcións que desempeñan, tales como as relacionadas cos recursos hídricos e a preservación da biodiversidade, especialmente nun contexto de cambio climático como é o actual.

Os dereitos do Ulla

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace solicitaron onte aos Concellos situados na ribeira do río Ulla que presenten nos seus plenos municipais unha declaración institucional en defensa dos "dereitos" do río ante "ameazas" industriais como a que im0plica a futura fábrica de Altri en Palas de Rei.

A pegada de CO2 da celulosa en Palas de Rei

O biólogo Cosme Damián Romay xa colaborou con Hábitat e a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) nas alegacións á captación de auga que Altri pretende do encoro de Portodemouros. Nese proxecto “xa detectamos moitas eivas ambientais”, explica. “Poñen o eucalipto como especie inocua para o medio cando é lesiva. Din que vai ter a mínima emisión de carbono de orixe fósil, pero non é certo”. Os cálculos feitos polos expertos son claros: “para fabricar un quilo de celulosa emítense 3,3 quilos de CO2 á atmosfera”.

Tendo en conta que o proxecto de Altri estima producir ao ano 400.000 toneladas de celulosa, só no procesado a macrocelulosa de Palas de Rei emitiría 1,3 millóns de toneladas de CO2 ao ano”. A esa cifra de emisións hai que engadir o CO2 que emitirá a plantación e o transporte dos 1,2 millóns de toneladas de eucalipto que Altri prevé consumir ao ano na Ulloa. A conclusión dos expertos é clara, “cando din que isto é para descarbonizar, menten, é falso”. Con estas cifras de emisións de CO2 resulta chocante que o proxecto de Altri en Palas fose proposto polo Goberno do Estado ao Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) da descarbonización, segundo anunciou no Senado o ministro de Industria, Jordi Hereu, o pasado mes de febreiro.

Coa pegada de carbono do Proxecto Gama, só cos eucaliptos e a celulosa, os 250 millóns de euros que a empresa portuguesa quere dos fondos da Unión Europea, semella que non deberían chegar a materializarse, sobre todo porque o Perte de Descarbonización Industrial defínese como “chave no pulo cara a unha economía máis sostíbel, centrándose na redución das emisións de carbono no sector industrial”.