Altri consumiría tanta auga como a poboación de Palas de Rei en máis de 3.200 anos

Alberto Núñez Feixoo co conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta da Galiza).

A empresa Altri remitiu unha solicitude á Xunta da Galiza para que lle conceda unha captación de auga do río Ullo en Agolada, co fin de abastecer a fábrica de fibras téxtiles proxectada en Palas de Rei.

Aínda que non hai avances en relación á instalación dunha fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei, por estar condicionada á concesión de axudas europeas de difícil que, de momento, non se contemplan, onte coñeceuse que a empresa solicitou formalmente á Xunta a captación de auga do río Ulla en Agolada.

Así, Altri pide a captación de augas superficiais cun caudal máximo de 535 litros por segundo procedentes do encoro de Portodemouros. Unha solicitude que deberá ser avaliada.

Precisamente, Altri escolleu Palas e non a comarca da Mariña, como se anunciara inicialmente, para aproveitar o caudal do Ulla, a segunda conca máis extensa da Galiza após o Miño. Desta maneira, obtería os perto de 500 millóns de metros cúbicos de auga que precisa.

A canto equivale o consumo?

Asociacións ecoloxistas como Adega advertiron do impacto da fábrica de fibras téxtiles no medio ambiente, até o punto de a cualificar como “pasteira en B”.

Altri prevé que a planta producirá 200.000 toneladas de Lyocell ao ano, ou o que é o mesmo, que consumirá anualmente case 500 millóns de m3 de auga. A poboación de Palas de Rei (3.414 habitantes) tardaría máis de 3.200 anos en consumir esa cantidade de auga considerando un consumo diario por persoa de 125 litros.

O catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela Santiago Ortiz xa puxera de manifesto en declaracións a Nós Diario os riscos que comporta o proxecto neste emprazamento, sinalando que “podería ter un efecto similar ao que tivo a planta de Ence” na ría de Pontevedra. Tamén salientou que non existe “risco cero” de verteduras.

Un extremo tamén advertido polo presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, quen lembrou a caída de produción de determinadas especies na ría de Arousa, por riba de 50%.

Así, en declaracións a este medio, admitiu a preocupación que existe entre o colectivo de mariscadoras, pola "inxente" cantidade de auga que captaría do Ulla, un dos ríos que desembocan na ría.