Análise

Altri: unha fábrica de ecoloxistas?

Manifestación contra o macroproxecto de Altri en Palas de Rei o pasado 26 de maio. (Foto: Carlos Castro / Nós Diario).
Xerardo Pereiro é profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.

Neste texto defendo a idea de que o proxecto GAMA promovido por Greenfiber (Altri e Greenalia) na Vacariza (Palas de Rei, A Ulloa) está a provocar cada vez máis a conversión de máis persoas ao ecoloxismo e polo tanto podemos considerar que é unha fábrica de ecoloxistas. Estes ecoloxistas poden ser cualificados como ecoloxistas populares, na terminoloxía do economista Joan Martínez Alier (1992), quen afirmou xa hai bastante tempo que as loitas sociais polos recursos naturais e ambientais presentan conflitos entre ecoloxía e economía nos cales se manifestan intereses, percepcións, discursos, prácticas sociais, enganos, divisións sociais, rebelións e resistencias como a que estamos a vivir nas comunidades da conca do río Ulla, afectadas por esta macrocelulosa. O proxecto GAMA está a provocar unha crise de consciencia en diversos subgrupos sociais, facendo que moitas persoas se convertan ao ecoloxismo popular, adoptando diversas formas e expresións simbólicas, non sen defectos, virtudes e contradicións.  

O ecoloxismo das comarcas do Ulla é un novo ecoloxismo popular de clases medias, nunha alianza entre camadas, rurais, rurbanas e urbanas, a prol da defensa do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural como sinais da súa identidade colectiva. A súa é unha loita emocional, afectiva e sentimental, pero tamén racional e científica pola defensa da súa terra e os seus recursos, e pola construción dunha modernidade alternativa, unha vida e un futuro dignos, e unha redistribución máis xusta da riqueza. O ecoloxismo popular anti-Altri, e tamén o patrimonialismo, está organizado como un movemento social activista que cuestiona a desigualdade enorme e inxusta entre a macroempresa Altri e os pequenos e medios propietarios e empresarios das comunidades afectadas.

O ecoloxismo popular anti-Altri cuestiona a desigualdade enorme e inxusta entre a macroempresa e as comunidades afectadas

A linguaxe destes ecoloxistas populares vai máis alén da antiga ecoloxía da pobreza e da supervivencia de antano (por exemplo, as mulleres CHIPKO da India defenderon as súas árbores das celulosas), para asumir unha nova linguaxe científica que mostra a grande mudanza das nosas sociedades. Ao mesmo tempo interpretan coa racionalidade científica popularizada un proxecto que incumpre oito directivas da Unión Europea e que presentou unha solicitude de autorización de impacto ambiental (AAI) e de estudo de impacto ambiental (EIA) inconsistente e pseudocientífica.

Neste sentido hai que entender as reaccións sociais comunitarias nas súas lóxicas sociais, culturais, económicas e políticas. A manifestación do domingo día 26 de maio de 2024 en Palas de Rei, alén dos números, o que pon de manifesto é algúns significados desta loita social destes ecoloxistas populares. En primeiro lugar a loita pola supervivencia e a calidade de vida; en segundo lugar a defensa de un ar, auga, enerxía e terra limpos; en terceiro lugar reivindican espazos para vivir dignamente, sen contaminación, sen ruídos, sen fumes, sen ecocidios, nin patrimonicidios que leven a un loito comunitario eterno e a un lamento agónico; en cuarto lugar defenden unha economía de produción ecolóxica da cal as comarcas do Ulla teñen magníficos exemplos (Granxa Maruxa, Arqueixal, Pazo Vilane, Milhulloa, A Cernada, etc.); en quinto lugar os ecoloxistas populares van máis alén dos abusos e excesos da racionalidade mercantil capitalista dominante, e defenden a racionalidade da conservación da natureza de acordo con usos económicos e sociais sostibles, éticos e responsables.

Autoorganización

Fronte ao ecoloxismo tecnocrático de despacho, o greenwashing (lavado de cara, maquillaxe...), os lobbies e o ecoloxicinismo da empresa Greenfiber-Altri (ver publirreportaxe sen soporte científico algún e contrariando o solicitado na AAI, en varios xornais galegos do domingo 19 de maio de 2024), que pretenden crear beneficios privados con recursos públicos e comunitarios (por exemplo, 250 millóns de euros de subvención pública do PERTE de descarbonización), asumindo o público o custo das externalidades e internalidades negativas.

Os ecoloxistas populares de comarcas como A Ulloa recusan degradar a paisaxe cultural do Camiño Francés de Santiago (primeiro itinerario cultural europeo do Consello de Europa e patrimonio mundial Unesco) e valoran a articulación responsable entre economía e ecoloxía.

O proxecto GAMA de Greeenfiber e os seus apoios políticos, que sen dúbida non analizaron profundamente a solicitude de AAI e o EIA, senón que falan de ouvidas, deixaranse convencer e manipular, e son interese de parte en vez de ser árbitros e reguladores, asumen a ideoloxía do crecemento económico ilimitado e a eucaliptización masiva da paisaxe galega. Esta ideoloxía do noso tempo (antropoceno) é desenvolvida sen límites e a custa de degradar o ambiente, depredar e desposuír de recursos naturais e culturais no territorio galego, esenciais para os planes de vida da Galiza e dos galegos (por exemplo, os camiños de peregrinación a Santiago de Compostela).

A desmedida ambición "altriana" será a súa perdición, porque non vale ser os mellores do mundo en todo, hai que parecer ser os mellores para o mundo e o proxecto Altri nin é nin o parece

Pero os riscos dese ecoloxicinismo de Altri presentan bastantes problemas, o primeiro é que as comunidades locais están tomando consciencia do verdadeiro problema que se lles ven enriba, autoorganízanse, resisten, únense e loitan sen ser satélites de ninguén. É dicir, volta a reforzarse un sentido comunitario amplo. O segundo problema é que a afectación aos camiños xacobeos está sendo investigada polo Icomos e a Unesco, entre outros organismos internacionais, algo que pode levar a sancións públicas graves, incluso a que a Unesco nos retire a súa clasificación como patrimonio mundial, no caso de non se corrixir ou paliar a afectación estética, visual, sonora, ética e paisaxística negativa do proxecto. Moi sinceramente, creo que non vale a pena correr ese risco e que debemos protexer o noso "petróleo cultural" xacobeo, que representa unha economía cultural básica hoxe na economía galega e na vida presente e futura de moitas comunidades.  

Considero que a desmedida ambición "altriana" será a súa perdición, porque non vale ser os mellores do mundo en todo, hai que parecer ser os mellores para o mundo e o proxecto Altri nin é nin o parece. Basta escoitar aos ex enxeñeiros de Altri en Portugal ou comprobar as contradicións do que piden formalmente e oficialmente na AAI e no EIA á administración pública galega e española, e o que publicitan como propaganda na súa páxina web, artigos xornalísticos pagados e publirreportaxes pagadas.

Lonxe de enviar cartas de amor á natureza, Greenfiber-Altri envía na solicitude de AAI do proxecto GAMA cartas de desamor e desasosego que son moi preocupantes. A súa é unha demanda de divorcio coa natureza, os sociosistemas e os patrimonios cultur-naturais, querendo e aspirando a unha custodia monoparental dos mesmos e unha apropiación sen transacción e baixa compensación.  

O proxecto GAMA de Altri é un ensaio sobre a cegueira que, a diferenza de José Saramago, nunca chegará a ser premio Nobel. Ademais das súas potenciais emisións contaminantes sobre a auga do río Ulla e o ar. Vexamos un exemplo moi concreto disto. Altri propón crear un cinto verde con árbores para tapar o seu skyline (liña do horizonte) de edificacións entre 50 e 75 metros de altura (chemineas, edificios, etc.), nunha zona serpentinítica ultrabásica (con moito níquel, cadmio, etc... e adxunta a unha zona de Rede Natura) que restrinxe enormemente o crecemento de especies forestais.

Polo tanto esa proposta de exercicio esteticista e maquillador do "cinto verde" non está baseado nun coñecemento científico serio e rigoroso, que nin sequera ten analizado todos os puntos de observación críticos. O activismo empresarial e mediático radical de Altri-Greenfiber empezou pola aproximación dos líderes políticos das comunidades locais dunha forma paternalista e como salvadores dunha patria que menosprezaron e chamaron de "pobre " e "deprimida"; e enmascarados de ecoloxistas, verdes e doadores de emprego. Pero co tempo acabaron mostrando a súa verdadeira faciana: uns neocolonizadores do rural galego, que non entenden nin aprecian.

Crise de identidade

Os efectos dun proxecto de macrocelulosa como o GAMA poden ser económicos, sociais, culturais e ambientais, pero tamén directos, indirectos ou inducidos, positivos ou negativos, materiais ou inmateriais, obxectivados ou subxectivados. Dito dunha forma coloquial: raramente hai almorzos gratis... Os efectos de obras e infraestruturas coma esta teñen tres momentos: antes, durante e despois da súa construción. Porén, os efectos do proxecto GAMA xa se iniciaron desde o seu anuncio público e non son nada positivos, xerando un conflito socioambiental e cultural que durará anos e que provocará feridas á saúde mental dos habitantes das zonas afectadas, pola mala planificación do proxecto e a súa mala comunicación e xestión.

Neste sentido xa notamos hoxe nas comunidades afectadas situacións e síntomas de estrés, malestar emocional, ansiedade, cansazo, inseguridade e incerteza fronte ao futuro. Polo tanto, e en síntese, o proxecto GAMA está a crear ecoloxistas populares que resisten como comunidade de práctica, pero tamén está a producir unha crise de identidade verbalizada individualmente e expresa colectiva e comunitariamente en diferentes ámbitos observados e observables empiricamente. Esa crise de identidade terá un custo social moi caro, porque se ben xa enterramos (mellor dito sementamos) aos nosos avós, algúns xa enterraron os seus pais, o proxecto GAMA pretende que enterremos tamén os nosos fillos, algo que sería imperdoable e que non podemos tolerar en nome da xustiza social ambiental, o respecto pola biodiversidade e a diversidade cultural humana.