Altri fai unha sondaxe por teléfono á cidadanía da Ulloa sobre a súa macrocelulosa en Palas

O conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

Unha empresa está a chamar por teléfono a persoas "con perfil público ou de interese para a comunidade" na zona en representación de Altri para "analizar a percepción do Proxecto Gama".

A ofensiva da pasteira Altri diante da contestación social contra o seu proxecto de instalar unha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) vén de dar un paso máis. Segundo informan distintas persoas da comarca a Nós Diario, a empresa Octo Comunicación, á que Altri lle ten encargada desde fai meses a súa representación mediática na Galiza, está a chamar por teléfono a persoas "con perfil público ou de interese para a comunidade" na zona para "analizar a percepción do Proxecto Gama".

Segundo sinala a persoa que fai as chamadas en nome de Octo Comunicación, tratan de "facer unha sondaxe sobre o terreo" do que pensan na Ulloa sobre a celulosa, iso si, sen explicar "nin metodoloxía nin motivación", segundo relatan a Nós Diario das persoas que recibiron as chamadas.

Desde Octo Comunicación explica aos interlocutores que "non somos enquisadores", algo obvio pois para facer unha enquisa fai falla unha empresa autorizada, unha metodoloxía, un estudo de campo, mostraxe representativa e outras cuestións definidas especificamente no eido estatístico que conforman a ficha técnica. 

Unha das enquisadas por Octo, responsábel municipal nun dos Concellos da comarca da Ulloa, explicou a súa posición "claramente en contra" da macrocelulosa de Altri en resposta á chamada da empresa. Porén, afirma, sen deixar explicar o motivo de tal oposición, a enquisadora "preguntoume se me informara, se analizara o proxecto". 

Cando a interlocutora explicou razoadamente o motivo da súa oposición a Altri e os datos ao respecto que figuran no Diario Oficial da Galiza (DOG) "simplemente me deu as grazas e colgou o teléfono", afirma a Nós Diario.

Viaxes ás fábricas e contratos menores

Octo Comunicación é, ademais, quen organizou a primeira das "polémicas" excursións de políticos da Ulloa a fábricas de Altri. Por outra parte, figura entre as empresas beneficiadas dos contratos menores asinados pola Xunta da Galiza para cuestións coma "seguimento de medios".