Análise

Altri, as renuncias do Ulla e o sacrificio da Ulloa

A calidade química da auga do Ulla empeorará de 2 a 10 veces segundo a época do ano. (Foto: Elaboración do autor).
Xoán Castro é enxeñeiro agrónomo.

Levamos un século sacrificando o territorio, os vales e as terras mais fértiles asolagadas cos encoros para producir enerxía. Ourense, primeira provincia produtora de enerxía eléctrica renovable de todo o Estado, produce cinco veces máis enerxía da que consome e xera máis electricidade que Madrid e Biscaia xuntas, onde están as sedes das tres principais eléctricas do territorio estatal. 

Os encoros, teñen un enorme impacto nos ríos, non só na conectividade ecolóxica, senón tamén na calidade das augas, porque impiden o proceso de "autodepuración natural das augas" que necesita "auga corrente", que se infiltre na zona hiporreica entre area e gravas, se osixene e arrefríe no verán coa sombra das árbores de ribeira que, coas súas raíces extraen nutrientes e evitan a erosión e a chegada de sedimentos, por exemplo, ao leito do Ulla.

Máis contaminación

Pouco antes do encoro de Portodemouros, aínda se poden atopar a toupa e o mexillón de río, especies de alto valor ecolóxico en Europa pola súa rareza, que necesitan un moi bo estado ecolóxico do río. Entre os anos 2010 e 2015 investíronse preto de 3,7 millóns de euros a través dun proxecto do programa LIFE, coordinado pola Consellería de Medio Ambiente coa colaboración da USC e Augas de Galicia para establecer "medidas para mellorar o estado ecolóxico do río Ulla e preservar ditas especies ameazadas".

O de Altri non é un proxecto coherente no contexto ambiental e socio-económico da Ulloa nin da ría de Arousa

O encoro de Portodemouros, xunto con outros encoros e augas de transición costeira en Galicia, está no punto de mira da Comisión Europea polo incumprimento reiterado da Directiva Nitratos (contra a contaminación das augas producida por nitratos agrícolas). O Reino de España foi condenado polo Tribunal de Xustiza Europeo o 14 de marzo deste mesmo ano, por non tomar "medidas" para reducir esa contaminación, sumándose esta condena a do incumprimento da Directiva de Saneamento (relativa á calidade das augas destinadas ao consumo humano), que, por exemplo, impide o uso para baño da preciosa área recreativa de Melide (Terra de Melide), debido á contaminación do río Furelos.

A Directiva 2000/60 (que se estabelece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas) ten como obxectivo principal alcanzar un bo estado das masas de auga para o ano 2026 e evitar a súa deterioración. Esta norma recolle a obriga de denegar a autorización dun proxecto cando este poida estragar o estado da masa de auga afectada ou poñer en perigo o logro dun bo estado das masas de auga superficiais.

Enténdese por "deterioración do estado" da masa de auga superficial, a rebaixa de calquera dos "indicadores de calidade" á clase inferior. Pois ben, segundo os datos do proxecto GAMA no punto de vertido previsto por Altri e Greenalia de adiante a macrocelulosa proxectada en Palas de Rei (A Ulloa), a calidade química da auga do Ulla empeorará de 2 a 10 veces, segundo a época do ano. En canto á contaminación con nitróxeno amoniacal e fosfatos, pasará do estado químico actual de "moi bo" a un estado "límite", entre bo e peor que bo, como se recolle no gráfico que acompaña o texto.

Os vertidos de nitróxeno e fósforo son precisamente os que terían que reducirse para corrixir o estado de eutrofización, que é o grave problema denunciado pola Comisión Europea no seu ditame motivado. 

Aldeas en risco

Este enorme vertido de Altri "deteriorará" gravemente o estado ecolóxico do encoro de Portodemouros pero tamén as masas de auga sinaladas no seu ditame da CE como "eutrofizadas" na desembocadura do Río Ulla, na ría de Arousa, agravando os problemas de mareas vermellas, un proceso parecido a o das cianobacterias en augas doces, procesos que ademais vense incrementados no verán ao aumentar a temperatura da auga. Ademais o estudo de impacto ambiental non ten en conta a acumulación de presións sobre o encoro de Portodemouros, así como na ría de Arousa, onde existen problemas de saneamento, sobre todo nos pobos e vilas costeiras, nas épocas de maior turismo, xusto cando as temperaturas da auga son maiores. 

Dado os problemas de abandono do uso agrícola das terras da contorna, as secas, os grandes incendios imposibles de parar que poñen en risco a vida da xente nas aldeas, a diminución da produtividade das rías, a contaminación das augas, este non é un proxecto coherente no contexto ambiental e socioeconómico da Ulloa nin da ría de Arousa, nin cumpre co principio de non causar dano significativo a o medio ambiente, e polo tanto non pode recibir fondos Next Generation.