Á escola con casco: alumnado do Altamar de Vigo acode 'protexido' contra as "ratas, cascudas e humidades" do colexio

Alumnado do CEIP Altamar entraron con casco á escola. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Nais e pais do alumnado denuncian o desleixo tanto da Xunta da Galiza como do Concello de Vigo.

Alumnado do CEIP Altamar de Vigo acudiron esta quinta feira con casco en protesta pola situación na que se atopa o centro educativo, denunciando "carencias" que fan do colexio un "lugar insalubre".

Temos humidades, infección de cascudas, ratos, ramplas de acceso ao colexio inutilizadas, escaleiras oxidadas, desprendemento nas fachadas

Así, decenas de nenos e nenas amoreáronse ás portas das instalacións con cascos amarelos para pór de manifesto as condicións nas que se atopa o Altamar, con "ratas, cascudas, humidades e falta de mantemento", segundo denuncia a asociación de nais e pais.

A presidenta do ANPA, Rebeca Díez, lamentou que tanto pais, como profesores e alumnado levan un ano protestando ao Concello e á Xunta da Galiza para que arranxen o centro. Ao seu xuízo, é competencia de ambas as dúas administracións porque "hai problemas estruturais [Xunta] e tamén hai falta de mantemento [Goberno local]".

"Todo empeorou. Temos humidades, infección de cascudas, ratos, ramplas de acceso ao colexio inutilizadas, escaleiras oxidadas, desprendemento nas fachadas, incluso o teito de dirección está a piques de caer pola humidade", indicou en declaracións a Europa Press.

Sen conserxe

Ademais, afeou ao Concello que neste curso o colexio quedou sen conserxe, despois da xubilación da persoa que até o de agora ocupaba o cargo. "É a directora quen abre o colexio e o fecha, abre as xanelas de todas as aulas. Ademais, o resto de profesorado fai labores que debería facer o conserxe. E iso é responsabilidade do Concello de Vigo", engadiu.

Así, lamentou que as administracións traten de "botarlle a culpa" unha á outra e non dean solución ao problema, que afecta a perto de 200 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade.