Alumnado da UDC inicia a primeira acampada estudantil da Galiza en apoio ao pobo palestino

Acampada propalestina na UDC. (Foto: Europa Press)
O estudantado de todo o Estado español acampa xa en dez universidades de oito comunidades autónomas para apoiar o pobo palestino.

Un grupo de estudantes da Universidade da Coruña (UDC) pasou a noite á intemperie, xunto á Facultade de Ciencias da Educación, na que foi a primeira acampada estudantil convocada na Galiza en apoio ao pobo palestino.

Esta iniciativa de protesta arrincou no Campus de Elviña na quinta feira, cando os propios perfís da universidade en redes sociais se facía eco. Precisamente esta quinta o colectivo estudantil Erguer avanzaba a súa intención de convocar concentracións para a vindeira terza feira, 14 de maio, en todos os campus galegos en apoio ao pobo palestino e contra os bombardeos de Israel en Gaza.

A do campus da UDC é a primeira acampada na Galiza que segue as iniciativas de estudantes doutras universidades a nivel estatal e internacional. A previsión, segundo fontes consultadas por Europa Press, é que a semana que vén se produzan máis accións deste tipo en Santiago de Compostela.

En total, estímase que o estudantado de todo o Estado español acampa xa en dez universidades de oito comunidades autónomas para apoiar o pobo palestino e exixir o fin do conflito bélico na Faixa de Gaza.

En concreto, hai acampadas en protesta polos ataques de Israel en Gaza en universidades da Comunidade de Madrid, o País Valencià, Galiza, Euskadi, Catalunya, Andalucía, Aragón e Nafarroa.

Neste contexto, a Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas (CREUP) insta a Ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, "a tomar accións pola mellora da situación dos estudantes universitarios palestinos e a pór fin a calquera tipo de colaboración con Israel, en particular no Sistema Universitario Español".

No entanto, defendeu a postura da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) que se comprometeu a revisar e, no seu caso, suspender os acordos de colaboración con universidades e centros de investigación israelís que "non expresasen un firme compromiso coa paz e o cumprimento do dereito internacional humanitario.

"Puidemos coñecer as accións que vai levar a cabo a CRUE respecto diso grazas ás protestas do estudantado e a súa insistencia na necesidade de emprender o activismo desde o sistema universitario pola causa", sinala a organización estudantil, que celebra todas as accións que propuxeron os reitores e asegura que acompañará no cumprimento destes compromisos que as universidades españolas tomaron.

As e os estudantes explican que "os constantes ataques contra o pobo palestino non cesan e escalaron a tal medida que as protestas chegaron ás universidades". A asociación estudantil, que agrupa aos Consellos de Estudantes das universidades públicas, defende a actuación dos alumnos pola defensa dos dereitos do pobo palestino.