Alumnado da UDC acorda pór fin ao campamento en apoio a Palestina

Alumnado da UDC acampado no campus de Elviña en apoio a Palestina. (Foto UDC).
Após 23 días de acampada no campus de Elviña, aprecian vontade por parte da UDC para avanzar nas súas demandas.

Estudantes da Universidade da Coruña (UDC) levantarán esta fin de semana a acampada por Palestina que mantiñan desde primeiros de maio. Farano ao considerar que as súas propostas están a ser "estudadas" e con "avances".

Así o expuxo esta sexta feira un dos seus participantes, Ali Abuafash, quen destacou o feito de que o propio reitor, Ricardo Cao, se achegase até a acampada que mantiveron durante 23 días na zona da Facultade de Socioloxía, no campus de Elviña.

Foi tras concentracións previas na zona da Facultade de Ciencias da Educación nunha iniciativa en apoio a Palestina, con demanda, entre outras cuestións, de condena do "xenocidio", e que logo se trasladou á zona de Socioloxía, con varias tendas de campaña.

Con reunións de grupo e outras actividades, como as programadas nesta xornada, entre elas propostas vinculadas á música e a poesía, pero tamén con charlas, destacaron o feito de que as súas propostas fosen escoitadas e que se creou unha comisión universitaria por Palestina.

Demandas

Entre os seus obxectivos, está tamén que non se manteñan relacións con empresas vinculadas co "xenocidio" ou co propio estado de Israel, en relación, especificamente, ás actividades vinculadas coa UDC.

 Ao considerar que se está traballando en relación ás súas demandas, optaron, finalmente, por levantar o campamento.