O alzhéimer afecta 12% das persoas maiores de 65 anos

Acto polo Día do Alzheimer desenvolvidoen Compostela, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Federación Alzhéimer Galicia)
Este sábado, 21 de setembro, conmemórase o Día Mundial do Alzhéimer. Na Galiza hai ao redor de 70.500 persoas con alzhéimer ou algún outro tipo de demencia. As demencias afectan 12,5% da poboación maior de 65 anos e 31,25% da que supera os 85 anos. Son datos da Sociedade de Neuroloxía que lembra a Federación Alzhéimer Galicia (Fagal)

A demencia é unha patoloxía que consiste na dexeneración das células cerebrais que afecta gravemente ás capacidades da persoa, impedindo que poida levar a cabo as actividades diarias. As demencias son a causa principal de falecemento na Galiza, en 2022 —último ano con datos— as enfermidades neurodexenerativas provocaron 2.481 mortes.

"O alzhéimer é unha demencia dexenerativa que atinxe unha de cada 10 persoas maiores de 65 anos, o que non significa que non afecte a poboación menor desa idade", precisaba a neuróloga Rosa Rodríguez a Nós Diario. Na Galiza calcúlase que hai uns 3.000 pacientes de Alzhéimer menores de 65 anos, perto de 1.500 de entre 30 e 59 anos e case 2.000 de entre 60 e 64 anos.

"É un número moi importante de xente moza, en idade laboral, con responsabilidades familiares... que nos obriga a estar alerta. Os cambios na memoria son o primeiro síntoma, pero moitas veces sono alteracións na conduta ou cambios na personalidade, no carácter".

O diagnóstico precoz é cada vez máis frecuente. "A divulgación e o coñecemento son maiores, pero queda moito por facer neste sentido", advertía  Rodríguez, quen pon o foco na prevención dos factores de risco vascular. "A vida sa, unha dieta adecuada, evitar hábitos tóxicos, o adestramento físico e cognitivo é fundamental. Coidar o cerebro é algo que podemos asimilar a coidar o corazón". A logopeda Cristina Fernández incide en que o comezo da enfermidade "é lento e afecta primeiro á memoria, ao pensamento e á linguaxe de forma sutil", de aí a importancia da detección precoz.

"A idade de inicio desta doenza atópase ao redor dos 60 anos, aínda que hai casos de persoas con menos idade que presentan síntomas e a progresión tende a ser máis rápida", sinala a este xornal.

Pola súa parte, César Bugallo, presidente da Federación de Alzhéimer Galicia —agrupa 15 asociacións— ten afirmado que "hai moitas persoas sen diagnosticar" e que a situación na Galiza e o Estado é de "atraso a respecto doutros países".

Hai unha cuestión, advirte, moi importante á hora de afrontar esta enfermidade: "Cando aparece hai unha reestruturación familiar, a persoa pasa ser dependente e precisa atención as 24 horas do día". Así, e segundo a Fagal, as estatísticas indican que unha soa persoa coidadora principal inviste unha media de 60 horas semanais —9 no caso dos homes, 12 no caso das mulleres— en atender o doente. 

Ademais, 82% das mulleres coidadoras están en idade de traballar, teñen entre 19 e 65 anos (a idade media é de 46 anos). 40% das persoas coidadoras recoñece ter problemas económicos derivados do seu labor de coidado e 60% das persoas coidadoras toman medicamentos ou reciben algún tipo de servizo de rehabilitación fisioterapéutica como consecuencia das tarefas de coidado.