A ambulancia de soporte vital na comarca do Deza non conta con persoal médico

Un profesional sanitario baixa dunha ambulancia un paciente. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) vén de denunciar a situación sanitaria da comarca do Deza, concretamente no referente á ambulancia de soporte vital.

A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) de Compostela denuncia a situación sanitaria da comarca do Deza, no referente á necesaria nova ambulancia e á falta de equipos completos (médico e enfermeiro) a partir das 22 horas no PAC de Lalín, que atende as urxencias de toda a comarca.

No referente á ambulancia, o conselleiro “fixo pública a súa intención de estender ao rural o modelo de cobertura sanitaria que actualmente existe nas áreas urbanas; é dicir, contar cunha ambulancia de soporte vital cun técnico de emerxencia e un enfermeiro, máis iso si, sen médico”, indican desde a CIG.

O problema dáse, segundo salientan, cando o doente empeora, o que implica administración de fármacos e responsabilidade do médico, agravándose nos desprazamentos que “poden chegar a superar a hora”.

“Unha decisión unilateral da xerencia da área sanitaria de Santiago, que a día de hoxe non informou ao órgano de representación dos traballadores e traballadoras e que supón unha infracción grave”, acrecentan desde a central sindical.

“Discriminación desfavorábel”

E por outra parte, segundo engaden, isto “implica unha discriminación desfavorábel que está a danar unha poboación moi desfavorecida, como é a comarca do Deza, por razóns de dispersión, avellentamento, etc”.

Esta comarca conta cunha superficie de 1027,7 quilómetros cadrados, formada polos concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón, e ten unha poboación que supera os 42.000 habitantes, distribuídos en 113 parroquias e 415 lugares.

A CIG-Saúde leva tempo mobilizándose e reclamando os equipos completos (médico e enfermeiro) que o persoal do PAC de Lalín leva exixindo para dar unha asistencia sanitaria ao momento e de calidade, xa que a partir das 22 horas, ao contar cunha presenza menos de enfermaría, “dificúltase enormemente a atención sanitaria, tanto nas saídas urxentes aos domicilios como na atención no propio centro, ao quedar sempre un médico sen apoio necesario e imprescindíbel para atender e manexar o doente en casos graves”.

“Este modo de proceder da Xerencia vulnera os dereitos da poboación da comarca do Deza, xa que a Lei recolle que a carteira común básica de servizos asistenciais do sistema de saúde comprende todas as actividades asistenciais de prevención, diagnóstico, tratamento e rehabilitación que se realicen nos centros sanitarios, así como o transporte sanitario urxente. A prestación deste servizo farase de forma que garanta a continuidade asistencial, baixo un enfoque multidisciplinar, centrado no paciente, garantindo a máxima calidade e seguridade na súa prestación, así como as condicións de accesibilidade e equidade para toda poboación”, sinalan desde a CIG.

A CIG-Saúde non entende que “non exista un responsábel de garantir a calidade do proceso asistencial”, asegurando a trazabilidade segundo os protocolos estabelecidos para “xerar un entorno seguro no desenvolvemento do seu traballo. Protocolos dun plan funcional do que as traballadoras e traballadores deben estar informadas e deben asumir as responsabilidades descritas no mesmo”.