Amigos de Yoel Quispe, o mozo apuñalado en Noiteboa na Coruña, volven exixir xustiza: "Non é homicidio, é asasinato"

Unha das concentracións de familiares e amigos de Yoel Quispe na Coruña exixindo "xustiza". (Foto: Nós Diario)
Familiares e amizades exixen a imputación de até dez persoas que, aseguran, participaron dos feitos que desencadearon na morte do mozo de 22 anos por acoitelamento.

Unha vintena de persoas, entre amizades, familiares e achegados de Yoel Quispe, o mozo de 22 anos apuñalado mortalmente a pasada Noiteboa na Coruña, volveron concentrarse esta sexta feira diante dos Xulgados para reclamar "xustiza" e demandar que se amplíe a investigación a outras persoas.

"Non é un homicidio, é un asasinato", asegurou un dos participantes, Brais Caneda, en declaracións á axencia Europa Press. Sobre a protesta, dixo que se produce con motivo das actuacións xudiciais tras a detención de tres mozos coruñeses, de entre 18 e 21 anos.

Para un deles decretouse prisión como presunto autor dun delito de homicidio, mentres que para os outros dous acordouse liberdade con obriga de comparecencias xudiciais. Nos xulgados tamén estivo a nai de Yoel, Yovana, que apuntou, á súa vez, que nesta xornada estaban citados os detidos.

"Queremos que veñan todos, son máis", sinalou Brais Caneda, en relación ás citadas actuacións xudiciais e o feito de que sexan tres e non máis as persoas detidas e postas a disposición xudicial para tratar de esclarecer o crime e as responsabilidades.

A contorna de Yoel Quispe, galego de orixe peruana, sostén que debe ampliarse a imputación a outras persoas que participaron nos feitos que desencadearon na morte do mozo de 22 anos.

"Haberá máis mobilizacións até que estean os dez investigados", aseverou tamén durante unha protesta na que se escoitaron berros de 'asasinos' e proclamas pedindo a pena máxima, así como que "o crime de Yoel non quede impune". "Non calaremos até que vexamos que o pagan todos os que o fixeron", sentenciou.