Máis

Amizades, praia e pizza

O estabelecemento en Raxó, operativo desde 1997, ameniza outro verán máis as tardes e noites na praia de Sinás. (Foto: Nós Diario)
Degustar o verán da man do Sinás, en Poio.

O Sinás é un local adaptado aos tempos mais con moita historia detrás. Instalouse na praia por primeira vez en 1997 como explica Oliver da Silva Iglesias, o seu propietario, en conversa con Nós Diario. Neste pequeno areal era onde "se reunían nas noites de verán amigos e veraneantes para tomar unhas cervexas" polo que vender uns poucos refrixerios e xeados no lugar que rondaba decotío pareceulle unha boa forma de seguir presente "alí cos colegas" á vez que lle permitía "sacar unhas pesetas" para sufragar os seus gastos. Pero, que ten de especial esta praia para que Da Silva non se quixese separar deste lugar?

O areal de Sinás é un espazo bonito e do máis accesíbel, inmerso no ambiente semiurbano da parroquia de Raxó e perto do seu porto. Desta forma resulta cómodo fixalo como punto de encontro e apostarse na súa area a desfrutar. Tamén, é unha praia resgardada dos ventos e de augas tranquilas, propicias para o baño. 

Con todo, a clave é o valor sentimental para os propietarios. Son moitos anos ao pé do local e moitos os cambios que tiveron que facer para mantelo en pé. Neste camiño, deixaron atrás os churrascos e as sardiñadas por normativa ao cambiar de caseta, mais isto non os freou. Todo o contrario, comezaron a elaborar outro tipo de comidas impulsadas pola creatividade da dona do local, Ángeles Tieso,  e que, a día de hoxe, son emblemas do estabelecemento. Entre estas novas propostas atópanse a pizza de polbo e queixo de tetilla como prato estrela do Sinás ou as súas croquetas caseiras de choco, marisco e carne, que suman xa 10 anos deleitando o padal da clientela. Unha oferta gastronómica diferente que, ademais, valeulles o recoñecemento como mellor local de praia da península segundo El Economista.es e que ofrecen a toda persoa que os visite para compartir un anaco de todo o que construíron no seu pequeno chiringo.

Chiringo Sinás Praia de Sinás / Raxó, Poio (comarca de Pontevedra) / Horario: domingo, segunda, cuarta e quinta feira de 12 a 1 horas, sexta feira e sábado de 12 a 2 horas e fechado na terza feira/@chiringuitosinas