Amnistía Internacional pide á Xunta medidas urxentes para garantir que ningunha vítima de desafiuzamentos fique na rúa sen alternativa habitacional

Concentración contra o desafiuzamento de familias en Vigo (Imaxe: Europa Press).

Reclama un plan para o aumento da vivenda social.

Amnistía Internacional remitiu unha carta á Ana Ortiz, Delegada da Xunta da Galiza en Vigo, para pedirlle un plan de choque e medidas urxentes para garantir o acceso ao dereito á vivenda en Vigo, onde se está producir “unha situación de emerxencia”.

Isabel Flores, coordinadora de Amnistía Internacional en Vigo, declarou que “o caso das familias afectadas polo incendio da rúa Alfonso X en outubro pasado, que nos últimos meses estiveron residindo en hostais pagados polo Concello de Vigo e que, ante o cesamento do amparo municipal, deberán abandonar os hostais o vindeiro 2 de maio sen, polo de agora, unha alternativa habitacional exemplifica o problema: a ausencia de vivenda social pública para que se poida facilitar unha alternativa habitacional adecuada a toda persoa desafiuzada. Por iso reclamamos á Xunta que incremente substancialmente o parque de vivenda social para que nesta lexislatura pase de 3,85% de 2019 a 15%, a media dos países da nosa contorna”.

Segundo datos oficiais da oficina de notificacións e embargos dos xulgados de Vigo, entre 2022 e ata marzo de 2024 houbo 762 demandas de desafiuzamentos (91 no primeiro trimestre de 2024), das que se executaron 756 (78 nos tres primeiros meses de 2024). En todo o Estado, de xaneiro a setembro de 2023 producíronse máis de 19.000 despexos, 14.344 deles por impagamento de aluguer.

A organización solicita unha xuntanza coa Delegada da Xunta para falar de solucións como as apuntadas en senllas cartas enviadas en outubro e decembro pasado. Segundo a voceira local de AI “a ausencia de vivenda social é unha urxente necesidade que está na raíz deste problema, que pon nunha situación de extrema vulnerabilidade ás persoas que son obxecto dun desafiuzamento”.

Amnistía Internacional insta á Delegación da Xunta a que adopte “con urxenci”a as medidas necesarias para garantir que ningún desafiuzamento deixe ningunha persoa na rúa, incluídas a posta en marcha dos mecanismos necesarios para que as 43 vivendas da Sareb dispoñíveis en Vigo se destinen a aluguer social e o reforzo dos recursos e programas existentes cun protocolo específico de actuación en casos de desafiuzamento.

Apunta ademais que, dado o limitado efecto das medidas adoptadas como os bonos de aluguer e axudas ao financiamento da compra de vivenda, se debe de “impulsar o control de prezos de aluguer e das vivendas de uso turístico, ademais da elaboración, coas organizacións especializadas e cos colectivos afectados, dun plan plurianual que estabeleza unha porcentaxe anual de incremento progresivo do parque de vivenda social”.