O BNG denuncia en Bruxelas "a manipulación" na CRTVG

A eurodeputada Ana Miranda afirma que o goberno galego incumpre a normativa comunitaria que promove o pluralismo nos medios de comunicación.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia nunha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea os “graves problemas de manipulación” que se producen na televisión e na radio públicas galegas. Para Miranda é necesario que a Comisión tome medidas e faga cumprir a súa propia normativa na defensa do dereito á información e á pluralidade nos Estados Membros.

 

“Son escandalosos os casos de manipulación e falseamento das informacións que sinala o Comité Intercentros da CRTVG na denuncia presentada recentemente na Comisión de Peticións”, subliña a eurodeputada galega.

 

Na iniciativa presentada polo BNG, Miranda afirma que o Goberno galego incumpre a Directiva 2010/13/UE de "Servizos de Comunicación SocialAudiovisual", que declara que é esencial que os estados membros eviten feitos que poidan restrinxir o pluralismo e a liberdade de información.

 

Ademais, sinala a eurodeputada nacionalista, tanto o Goberno galego como o director xeral da CRTVG conculcan a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, que declara que toda persoa ten dereito à liberdade de expresión, que inclúe a liberdade de opinión e a liberdade de recibir ou comunicar informacións ou ideas sen a interferencia de autoridades públicas.

 

Miranda tamén se referiu á loita que mantén o persoal da CRTVG contra a censura e manipulación, concretadas nos #venresnegros, e indicou que o vindeiro 8 de setembro hai unha manifestación.

 

A eurodeputada nacionalista lembra que os representantes do Comité da CRTVG xa estiveron en Bruxelas manifestando os problemas na televisión e radio públicas o pasado 24 de maio, a través da súa participación na xornada organizada polo BNG no Parlamento Europeo sobre liberdade de expresión.