Adega afirma que as analíticas da Xunta confirman a contaminación dos regatos e ríos arredor da mina de Touro-O Pino

A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) debulla as analíticas feitas por Augas de Galiza nos puntos de control de vertidos, de aforo, de calidade das augas, captacións etc. na contorna da antiga mina. "A práctica totalidade dos cursos de auga que arrodean a antiga explotación mineira de Touro-O Pino amosan contaminación por metais pesados e alta acidez", conclúe a organización ambientalista.

“A práctica totalidade dos cursos de auga que arrodean a antiga explotación mineira de Touro-O Pino amosan contaminación por metais pesados e alta acidez, afectando á calidade das augas superficiais e soterradas nunha extensión mínima de 65 km2 na contorna da mina, cando menos desde os últimos 10 anos”. Esta é a reflexión que se fai desde Adega, Asociaión para a defensa ecolóxica de Galiza, após analizar os datos das análises feitas por Augas de Galiza. Adega solicitou  coñecer as analíticas de augas realizadas nos puntos de control de vertidos, de aforo, de calidade das augas, captacións etc. na contorna da antiga mina de Touro e Augas de Galiza respostou achegando numerosos datos analíticos tanto das diversas estacións de control como de mostraxes de verteduras.

Estes resultados, indica Adega, confirman o xa apontado polas analíticas realizadas por ADEGA en datas recentes (novembro de 2017) en dous puntos (regos Pucheiras e Portapego), e debuxan unha preocupante situación. “A contaminación das bacias fluviais que drenan as antigas cortas de Bama e Arinteiro é patente” e “constátase o fracaso dos supostos tratamentos de rexeneración, de xeito que as antigas labores e instalacións da mina de cobre de Touro-O Pino seguen a ser unha fonte continua de contaminación das augas superficiais e sorterradas. Esta instalación, hoxe pechada, converteuse na principal fonte de contaminación por metais pesados na bacía do río Ull”a.
 

Adega esixe a Augas de Galiza e á Consellaría de Medio Ambiente que denegue a autorización do novo proxecto mineiro e depure as oportunas responsabilidades pola continua contaminación das augas durante anos.