Xuízo do Alvia

Andrés Cortabitarte declara esta quinta feira após gañar unha semana para preparar a defensa

Andrés Cortabitarte, á súa saída da Cidade da Cultura. (Foto: Arxina)
A súa comparecencia diante da xuíza instrutora da causa polo sinistro do Alvia en 2013 adiouse unha semana após recibir o ex alto cargo de Adif un golpe propinado polo pai dunha vítima mortal do accidente.

O ex director de Seguridade na circulación de Adif Andrés Cortabitarte, acusado no xuízo polo accidente do tren Alvia no que morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas, declarará esta quinta feira, após gañar unha semana a respecto da comparecencia do outro imputado, o maquinista, Francisco Garzón.

Ambos os dous sentan no banco dos acusados polos mesmos feitos: 80 homicidios e 145 delitos de lesións —xunto a outro de danos— por imprudencia profesional grave, no exercicio de cadansúas responsabilidades. Con todo, o primeiro en declarar foi Garzón, a pasada quinta feira, e fíxoo ademais despois dunha xornada de inicio do xuízo marcada polo golpe que lle propinou a Cortabitarte o pai dunha vítima ao termo das cuestións previas.

Pola súa parte, o fiscal sostén que "o accidente non sucedería se Adif e Cortabitarte xestionasen o risco de exceso de velocidade no tramo". Na súa declaración ante o xuíz instrutor en xullo de 2017, Cortabitarte asegurou que descoñecía o cambio de proxecto na liña Ourense-Santiago que supuxo eliminar o sistema de control continuo da velocidade (o ERTMS) dos últimos quilómetros do traxecto, incluída a curva na que se produciu o sinistro.

Aliás, tratou de desviar responsabilidades sinalando Renfe —en concreto o responsábel de Seguridade da operadora ferroviaria— e Ineco —a empresa de consultoría da que Renfe e Adif abranguen máis da metade do accionariado—.

Ao termo da comparecencia do maquinista, que durou unha hora xa que só respondeu as preguntas do seu avogado, Manuel Prieto, o avogado que defende o ex alto cargo de Adif pediu á xuíza atrasar a súa comparecencia uns días, ao estar aínda "afectado" pola agresión. A xuíza accedeu a esta petición ao indicar que había datas "máis que suficientes" —reservou dous días desta semana e outros dous da vindeira para eventuais incidencias— e ao entender que, polo golpe e a tensión de ser un dos acusados, precisaba tempo para "reporse".

Este aprazamento foi recibido entre críticas por parte das vítimas e do propio letrado do maquinista. Censuran que se lle deu máis tempo para reaxustar a súa defensa, á luz do que declarou Francisco Garzón. Un Garzón que centrou a súa declaración, a preguntas do seu avogado, na falta de medidas de seguridade na vía, en carencias da formación como maquinista dese tren e no feito de que foi a chamada do interventor a que lle fixo desubicarse nunha liña monótona na que non incumpriu ningún dos sinais.

Declaración das testemuñas

Para a última semana de outubro está previsto o inicio das declaracións das testemuñas, con policías nacionais —o instrutor do atestado, o secretario, o xefe de brigada da Policía Nacional, un oficial e outros seis axentes—, a terza feira 25 de outubro.

Ao día seguinte están citados o interventor do tren que falaba co maquinista, o empregado de Prosegur que viaxaba no tren como persoal de seguridade, outro de Renfe que tamén ía no convoi e o maquinista do tren no treito que abrangue desde Medina del Campo até Ourense.

Para a quinta feira 27 quedan dous veciños que auxiliaron nun primeiro momento o maquinista, o xefe de circulación da estación de Santiago e o xefe de maquinistas da xerencia na Galiza de Renfe Operadora.