Tres anos agardando por unha consulta de uroloxía

Hospital da Mariña, en Burela (Foto: Xunta da Galiza).
A falta de profesionais no Hospital da Mariña deriva pacientes á privada.

A Xunta da Galiza leva investidos na reforma do Hospital da Mariña, en Burela, arredor de 13 millóns de euros, alén dunha nova partida de 15 millóns comprometida este mesmo ano para proseguir as melloras no centro. Mais os "avances" na atención médica anunciados polo Goberno galego en 2016 a respecto deste proxecto, cando se iniciaron as obras, semellan non terse traducido aínda en melloras substanciais para o cadro de persoal e as persoas doentes.

Neste senso, a CIG-Saúde ten denunciado nos últimos meses a falta de profesionais de especialidades como a cardioloxía ou a uroloxía. Así, o sindicato pediu a finais de agosto a dimisión da xerente do hospital, María José Cortés Canay, pola "paralización de todas as consultas, cirurxías e traslado de urxencias a Lugo" no que atinxe á uroloxía, ao quedar o centro durante quince días —repetindo o que xa acontecera un ano atrás— sen ningún profesional deste servizo.

"Gustaríanos saber cales son os máis e mellores servizos que ían implantar, onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosos profesionais que ían vir para Burela", lamentan.

Un urólogo a media xornada en Burela

A falta de recursos está a padecela en primeira persoa Estanislao Moreda, veciño de Foz, que pediu explicacións ás altas instancias do hospital ao levar máis de tres anos agardando por unha consulta nesta especialidade: "Dixéronme antes había dous urólogos. Un deles marchou a outro destino, e como ao outro cargárono de traballo sen lle ofrecer a chegada dun reforzo, decidiu mudar a media xornada. Agora a consulta naturalmente está saturada, é o que hai...", critica.

A odisea de Estanislao Moreda comezou en setembro de 2018, cando acudiu ao médico de cabeceira no hospital burelao. "O médico deume un tratamento, mais non estaba a ser efectivo e decidiu derivarme ao urólogo. Para iso tiña que facer dúas probas, unha ecografía e unha análise de sangue. Esta última fixéronma dúas semanas despois daquela primeira consulta", explica.

"Dixéronme que antes había dous urólogos. Un deles marchou a outro destino, e como ao outro cargárono de traballo sen lle ofrecer a chegada dun reforzo, decidiu mudar a media xornada. Agora a consulta naturalmente está saturada, é o que hai..."

Desde entón, ninguén volveu contactalo para realizar a ecografía e acudir ao especialista de uroloxía. "Só me dicían que xa me chamarían, mais nada concreto, así que pasados seis meses, en marzo de 2019, presentei unha queixa. A resposta foi que a ver se tiña sorte e polo menos me facían a ecografía. Mais eu estaba inquedo e, entre tanto, decidín facela nunha clínica privada. Como o resultado afortunadamente foi positivo, quedei tranquilo e decidín seguir agardando por unha consulta en uroloxía na pública", engade.

Cando Moreda daba "todo por perdido", en setembro deste mesmo ano, foi citado por fin co urólogo. Mais a ecografía e a analítica, co paso do tempo, quedaran obsoletas. "Agora toca volver empezar todo o proceso, outros tres anos para ter as probas [bromea]. É unha vergoña. É evidente que están caducadas, porque en tres anos sen que ninguén as revise nin me dean cita xa puiden morrer de cancro...", sentencia.