A ANPA do colexio de Lugo onde traballaba o profesor detido por abusos solicita a "revisión dos protocolos"

Unha persoa diante do CEIP Albeiros de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Familiares das crianzas do centro denunciaron a falta de "comunicación e transparencia" evidenciada durante a xestión da situación e puxeron en dúbida a "boa praxe" do centro á hora de activar os protocolos.

A ANPA do CEIP Albeiros de Lugo, o colexio onde impartía clases o profesor investigado por abusar presuntamente de nove alumnas menores de dez anos até a súa detención esta pasada cuarta feira —e que pasará a disposición xudicial nas próximas horas— solicitou nunha reunión de urxencia, decorrida esta quinta, a "revisión dos protocolos" de actuación do centro educativo.

Nun longo encontro, que se prolongou durante máis de dúas horas e no que tomaron parte máis dun centenar de nais e pais, representantes do equipo directivo e docente do colexio e o xefe do Servizo Territorial de Inspección Educativa de Lugo, familiares das crianzas do centro denunciaron a falta de "comunicación e transparencia" evidenciada durante a xestión da situación e puxeron en dúbida a "boa praxe" do centro á hora de activar os protocolos.

Na reunión, que se desenvolveu de maneira "moi civilizada" a pesar da gravidade dos feitos e ao clima de crispación imperante nas instalacións do centro educativo —puntualizaron desde a ANPA nun comunicado—, o xefe de Inspección Educativa explicou os pormenores do procedemento xudicial e administrativo que se atopa actualmente en curso, o que provocou a indignación e o enfado dalgúns dos asistentes.

Apoio psicolóxico

Na súa quenda de intervención, os pais e nais dos alumnos do CEIP Albeiros solicitaron á Inspección Educativa, que enviará un equipo técnico ao colexio para completar a investigación administrativa, a posta a disposición de todos os nenos e nenas dun servizo de asistencia, orientación e apoio psicolóxico.

A Asociación de nais e pais de alumnos (ANPA) do colexio lugués trasladou após a reunión o seu "total apoio ás familias directamente afectadas" polo sucedido, pero fixo un chamamento, ao mesmo tempo, a "respectar" todos os procedementos xudiciais e administrativos en curso.

O docente detido, ao que non fixo alusión de maneira directa a ANPA no seu comunicado, pasará a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo esta sexta feira, unha vez que a Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional que dirixe a investigación dea por completado o seu expediente.