Anuncian mobilizacións contra unha antena de telefonía próxima a un colexio compostelán

Antena de telefonía móbil [Foto: A.S.]

Cinco meses despois de que o pleno do concello acordase retirar a instalación dun repetidor de Vodafone, a veciñanza do Restollal, en Santiago de Compostela, prosegue coa súa loita ao entender que mentres siga instalada aí pode provocar danos á saúde ao estar perto de vivendas, centros de ensino, centros comerciais e zonas de paseo. "A nosa intención é seguir até que consigamos que sexa atendida a nosa xusta reivindicación", sinala Susana Grille, unha das veciñas afectadas.

Se a presión social conseguiu mover antenas situadas no Castiñeiriño e en Aríns, na actualidade procuran outro emprazamento para a da Travesa do Restollal número 8. Para iso, representantes deste barrio explican que en abril fixeron entrega no Rexistro municipal de sinaturas para esixir o cambio de localización desta antena emisor-repetidor, ao considerar que debe situarse nun lugar máis afastado e reducir as radiacións que poden prexudicar a saúde.

 

No escrito de recollida de sinaturas, expuñan que diversos estudos científicos alertan dos riscos que entrañan para a saúde e o medio ambiente a exposición continua das persoas ás emisións radioeléctricas e de radiofrecuencias. “As administracións públicas, neste caso o Concello de Santiago de Compostela, teñen que ter como misión prioritaria a protección das persoas, aplicando ademais o principio de cautela, polo que ante as citadas evidencias do risco potencial que entrañan as emisións radioeléctricas dos repetidores de telecomunicacións, ha de actuarse en beneficio das veciñas e veciños”, defenden.

 

Da súa intervención no Pleno de abril de 2017 obtiveron o compromiso do Goberno de Compostela Aberta de procurar o cambio desta instalación a través da empresa de telefonía. Porén, cinco meses despois sen que isto acontecese manifestan o seu malestar “pola actitude do goberno municipal de Santiago coa problemática e ante a pouca sensibilidade amosada coa nosa preocupación”. “Teñen nas súas mans 380 sinaturas de veciñas e veciños das rúas que lindan coa Travesa do Restollal, calculamos que 80% d@s titulares das vivendas asinou esta solicitude”, sinalaron as promotoras da iniciativa.

 

“Nós o que demandamos é que saquen a antena, que volvan mandar o guindastre desta vez para retirala, a urxencia está motivada por ser un asunto de protección da saúde”, explicaron. “Se fan isto, terán o noso recoñecemento inmediato, do contrario é falta de seriedade”, advertiron.

 

A comunidade de propietarios non cuestiona a necesidade desas instalacións para o funcionamento dos servizos de telecomunicacións. Nese sentido, a moción, que fora presentada polo BNG, pretendía que o Concello de Santiago de Compostela contribúa “a garantir e facer real unha oferta suficiente de lugares e espazos físicos para os operadores de telefonía poder realizaren un despregue ordenado das infraestruturas de redes de comunicación dende o punto de vista territorial”, tal como recolle a Lei Xeral de Telecomunicacións, e tendo en conta a valoración e as necesidades da veciñanza de cada barrio.