Galiza inicia novembro cunha lixeira repunta de casos activos

Varias consumidoras nas terrazas da Marina, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Permanecen ingresadas 30 persoas e a taxa de positividade cae por baixo do 1%

Galiza continúa á alza por segundo día consecutivo no número de casos activos e rexistra 530 -seis máis-. Con todo, os novos contaxios descenden até os 27 -seis menos- e a taxa de positividade cae ao 0,96 por cento.

Así o sinalan os datos actualizados esta mañá pola Consellaría de Sanidade, que reflicten tamén un aumento en seis nas persoas ingresadas en UCI pola Covid -un máis-. Porén, descenden a 24 os hospitalizados noutras unidades -un menos-, mentres que os 500 restantes atópanse en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase na da Coruña e Cee, que conta cun paciente Covid na UCI e con cinco ingresados noutras unidades -dous menos-. Pola súa banda, aumenta nas de Ourense, que rexistra un novo crítico, e nas de Ferrol, cun novo paciente noutras unidades -un máis-. Nas catro áreas restantes a situación non presenta ningún cambio.

Máis contaxios que altas

No que se refire aos casos activos, aumentan na Galiza após romper a tendencia ascendente o domingo pasado e elévanse a 530, ao producirse máis contaxios (27) que altas (21). Pola contra, a cifra de pasamentos non varía, posto que non se rexistrou ningunha morte por segunda xornada consecutiva.

De tódolos xeitos, os novos contaxios descenden a 27 despois de comezar a semana con 33, o que supón seis menos. En concreto, as infeccións activas aumentan en cinco das sete áreas sanitarias: Lugo (+8), Ourense (+4), Ferrol (+2), Pontevedra e O Salnés (+1) e Vigo (+1). Así, descenden nas da Coruña e Cee (-7) e Santiago e Barbanza (-3).

Polo tanto, as persoas contaxiadas na Galiza dende o inicio da pandemia ascenden a 183.285, das que 43.290 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.794, á de Vigo; 27.092, á de Santiago e Barbanza; 21.891, á de Ourense; 21.514, á de Pontevedra e O Salnés; 20.025, á de Lugo; e 11.679 á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas de cada 100 test- baixou até o 0.96% tras comezar esta semana co 1,9 por cento. Segundo os rexistros de Sanidade, dende o comezo da pandemia leváronse a cabo na Galiza un total de 2.900.286 PCR, que implican 1.711 probas máis que as contabilizadas até a xornada anterior.